Nova: Cúmprense 30 anos da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo

23/10/2017

Cúmprense 30 anos da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo

O Presidente da Xunta afirma que “no 2021 Compostela volverá a ser a capital do mundo”

Recorda que o Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago pretende a promoción intensa dos nove itinerarios xacobeos que discorren por Galicia

“Un Camiño de camiños podería ser o lema que nos inspira nesta nova e ilusionante etapa”, sentencia

Se hai trinta anos chegaron algo menos de 3.000 peregrinos, di que os 300.000 que chegaron no vai de ano testemuñan que o Camiño está máis vivo que nunca

Ten palabras de recoñecemento para os artífices da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo, destacando especialmente a Marcelino Oreja Aguirre

 

  • Vídeo con declaracións do presidente
  • Camiño de Santiago
  • O titular do Goberno galego presidiu o acto de conmemoración do XXX Aniversario da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo O titular do Goberno galego presidiu o acto de conmemoración do XXX Aniversario da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo
  • O titular do Goberno galego presidiu o acto de conmemoración do XXX Aniversario da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo O titular do Goberno galego presidiu o acto de conmemoración do XXX Aniversario da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo
  • O titular do Goberno galego presidiu o acto de conmemoración do XXX Aniversario da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo O titular do Goberno galego presidiu o acto de conmemoración do XXX Aniversario da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que no 2021 Compostela volverá a ser a capital do mundo. “Estamos preparados para elo”, dixo, recordando que o Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago posto en marcha no 2015 pretende, cun orzamento de 56 millóns de euros, entre outros obxectivos, a promoción intensa dos nove itinerarios xacobeos que discorren por Galicia de maneira que o conxunto do país se implique aínda máis neste proxecto común.

No 2016 as melloras centráronse no Camiño Primitivo e no Camiño do Norte, tras conseguir tamén para estas rutas a declaración de Patrimonio da Humanidade. Este exercicio dedícase ao Camiño Inglés e ao Camiño de Fisterra-Muxía. E, no vindeiro ano o Camiño Portugués será o protagonista. “Un Camiño de camiños podería ser o lema que nos inspira nesta nova e ilusionante etapa”, sentenciou, agradecendo ademais iniciativas como a da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que impulsou o mapa de camiños xacobeos actualmente sinalizados en Europa e que conta con máis de 80.000 quilómetros.

Se hai trinta anos chegaron algo menos de 3.000 peregrinos, o titular da Xunta afirmou que os 300.000 que chegaron no que vai de ano, procedentes de 177 nacionalidades, testemuñan que o Camiño está máis vivo que nunca.

Neste acto conmemorativo, Feijóo tivo palabras de recoñecemento para os artífices desta declaración, entre os que destacou a Marcelino Oreja Aguirre, un dos protagonistas da transición democrática e un europeísta que avogou por unha idea que non caducou: unha Europa entendida como “un conxunto de persoas e unha inmensa comunidade de pobos”. E tampouco quixo esquecer o papel pioneiro de José Manuel López-Chaves Menéndez e a Asociación dos Pazos que xa a comezos dos anos oitenta presentaron iniciativas a prol do recoñecemento europeo do Camiño.

 

A España constitucional e a Europa democrática, as solucións

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta expuxo o feito de que este aniversario coincida coa reaparición “de vellos fantasmas”. “O mesmo nacionalismo separatista e o mesmo populismo que sementaron as múltiples discordias europeas volven a facerse presentes”, resaltou, incidindo en que son ideoloxías que necesitan rehabilitar vellas fronteiras e crear outras novas onde a democracia quede a mercé da demagoxia. “Fronte aos camiños, ás pontes e ás fiestras abertas, propoñen balados, muros e portas pechadas”.

Diante disto, recordou como os españois presenciamos “con emoción e gratitude” o respaldo elocuente dos presidentes da Comisión Europea, do Consello Europeo e do Parlamento Europeo ao noso Estado de Dereito, durante a entrega dos Premios Princesa de Asturias, incidindo en que o respecto ás leis é inherente ao espírito europeo. E resaltou que a rebeldía antidemocrática contra calquera Constitución dun Estado, protagonizada por calquera autoridade local ou autonómica, tamén é unha insurrección contra os valores fundamentais de Europa. E quixo como europeo, español e galego trasladar o respaldo da Xunta ás medidas constitucionais adoptadas “para restablecer a autonomía de calquera rexión, comunidade ou lander que se poida ver abocada á situación que nos vemos abocados neste momento nunha parte de España”.

O presidente da Xunta referiuse a España como a proba de que os pobos e nacións que forman a Unión Europea non camiñan sos nun mundo global, nin teñen que afrontar en solitario os desafíos internos e externos. “Hai tempo que a política europea e a política dos estados europeos non é política exterior”, abundou.

“A España constitucional e a Europa democrática son as solucións”, concluíu, durante o acto de conmemoración do XXX Aniversario da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo, subliñando que eses principios expresados por Jean Claude Juncker, Donald Tusk e Antonio Tajani están presentes neste 30 aniversario.

Ao longo do acto, o presidente da Xunta tivo tamén palabras de recordo polos acontecementos recentes ocorridos en Galicia, Asturias e Portugal, “golpeados por unha modalidade vil, homicida e destrutiva”. “O loito polas vítimas e a indignación pola destrución provocada polo lume, teñen que estar presentes”, dixo, destacando tamén o heroísmo individual e colectivo que distingue sempre, en momentos de dificultades, ao pobo galego.

Comparte