Nova: Presentado o catálogo da exposición 'Verquidos' de Berta Álvarez Cáccamo

03/09/2014

Presentado o catálogo da exposición 'Verquidos' de Berta Álvarez Cáccamo

A mostra conta con arredor de 60 pezas entre debuxos sobre papel, e lenzos e será visitable ata o vindeiro 30 de setembro

  • Obra de Berta Cáccamo Obra de Berta Cáccamo
  • Obra de Berta Cáccamo Obra de Berta Cáccamo
  • Obra de Berta Cáccamo Obra de Berta Cáccamo

Santiago, 3 de setembro de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou hoxe na presentación do catálogo da exposición Verquidos, da artista Berta Álvarez Cáccamo, na Casa da Parra. Os textos do catálogo foron feitos por Miguel Mont, Asunta Rodríguez e a propia autora Berta Cáccamo.

O conselleiro destacou que “un fito extraordinario como o que supón esta exposición debe ter un rexistro escrito, que permita gozar e coñecer mellor algo digno de ser coñecido: a escolma sintética da actividade desta artista durante estes últimos dez anos”.

Vázquez Abad subliñou que diversos persoeiros do mundo da cultura definen “a personalidade creativa de Cáccamo” no catálogo que hoxe presentou, antes de finalizar a súa intervención resaltando a linguaxe propia da creadora, “cuxa identidade poética rebélase no lenzo dun xeito plástico, cunha vontade testemuñada no cañamazo de xeito austero, severo, rigoroso e único”.

Percorrido polos últimos dez anos de Cáccamo
A exposición, comisariada por Miguel Mont, é unha selección de 60 pezas da obra realizada pola artista viguesa nos últimos dez anos, unha etapa na que se explorou a relación entre o debuxo e a pintura, entre a dimensión xestual e os distintos tempos e temporalidades de aplicación. Vinte das pezas están realizadas con técnica mixta e acrílicos sobre lenzos e proveñen de coleccións públicas como a Fundación Aena, a Deputación da Coruña ou a Fundación Abanca; mentres que as corenta restantes correspóndese con series de debuxos sobre papel. Para completar Verquidos, Berta Álvarez levou a cabo unha intervención mural nos espazos da Casa da Parra.

Cómpre sinalar, así mesmo, que a mostra está a ser analizada e estudada como o punto de partida para a tese de doutoramento ‘Pintura pintada. Un proceso de investigación-creación sobre a mancha abstracta e a súa imaxe’ no Departamento de Pintura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Achegamento á artista viguesa

Berta Álvarez Cáccamo abordou sempre a abstracción como unha linguaxe, posiblemente por influencia dos seus estudos de semioloxía durante o seu paso pola Facultade de Belas Artes e quizais tamén debido á grande importancia que ten a poesía na constitución da linguaxe que elaborou no seu traballo.

A traxectoria da creadora no seu contexto histórico, o da España da transición e da entrada na Comunidade Económica Europea, caracterízase por unha apertura ás experiencias e influencias internacionais e, ademais, desde un punto de vista sociolóxico, pola incorporación dun amplo número de mulleres artistas na escena nacional. Dende o ano 1996 ata o 2013 traballou como profesora asociada do Departamento de Pintura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde impartiu diversas materias. Na actualidade encóntrase na fase de realización da súa tese de doutoramento.

A autora imparte cursos, talleres e conferencias en centros de arte, fundacións e museos. Así mesmo, realizou numerosas colaboracións no eido da edición da obra gráfica, da ilustración e edición de libros, revistas e publicacións, como o último fanzine Cataclistics (Dispersoides), realizado en 2013 no ámbito da XVII Bienal de Vilanova de Cerveira (Portugal).

Álvarez Cáccamo fixo numerosas exposicións ao longo da súa traxectoria profesional. Entre as individuais destacan “Provenienza ignota”, exposta en Santiago, Madrid, Palma de Mallorca e A Coruña; tamén cabe subliñar “Setenta e tres pinceladas”, exposta na Galería Trinta de Santiago ou “Papeis de pé”, que se puido ver na libraría Versus e na galería Lilliput de Vigo.

A artista tamén fixo numerosas exposicións colectivas, entre as que se atopan a “II Bienal de artistas galegas”, presentada en Vigo; “Arte no tempo”, exhibida en Porto, ou “O bosquexo do mundo”, que se puido ver na Fundación Luís Seoane da Coruña.

Comparte