Nova: An Alfaya faise co premio Xosé Neira Vilas de novela curta coa obra O home de negro

29/10/2017

An Alfaya faise co premio Xosé Neira Vilas de novela curta coa obra O home de negro

O xurado destaca no seu ditame a capacidade da autora para tecer unha historia de intriga cunha economía de recursos na que a linguaxe xoga un papel principal

O galardón, que convoca a Fundación Neira Vilas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, entregarase en Gres o vindeiro 3 de novembro

  • An Alfaya An Alfaya
  • An Alfaya faise co premio Xosé Neira Vilas de novela curta coa obra 'O home de negro' An Alfaya faise co premio Xosé Neira Vilas de novela curta coa obra 'O home de negro'

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2017.- A coñecida escritora viguesa An Alfaya (Mª Ángeles Alfaya Bernárdez) fíxose, por unanimidade do xurado, coa segunda edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O galardón, dotado con 1000 euros e coa publicación da novela, entregarase o vindeiro venres, 3 de novembro, na sede da Fundación, en Gres, na casa natal do recordado escritor, coincidindo co 89º aniversario do nacemento do autor crucense.

O xurado, integrado por Luís Reimóndez, presidente da  Fundación Xosé Neira Vilas; Rosalía Morlán, Fernado Redondo e Juan Andrés Fernández, membros do padroado da devandita fundación; e polo crítico literario Armando Requeixo, destacou a gran calidade da decena de traballos presentados a concurso e, nomeadamente da peza gañadora “a capacidade para tecer unha historia con fortes dose de intriga e unha notable economía de recursos, adelgazando a presenza de personaxes e escenarios para lograr unha extraordinaria concentración expresiva na que a linguaxe da súa prosa xoga un papel principal. Autorreflexiva, metaliteraria e ben suxestiva, esta obra recolle o herdo pirandelliano e unamuniano para actualizalo e ofrecer unha atractiva nivola do século XXI”.

Obra da premiada

An Alfaya (Vigo, 1964) ten unha obra literaria extensa dirixida tanto a lectores e lectoras infanto-xuvenís como a persoas adultas. Publicou as novelas A recortada (Xerais, 1999), Desventura (2003), Matei un home (2005), A sombra descalza (Xerais, 2006), Illa Soidade (Xerais, 2007), Area quente (2009), Vía secundaria (Xerais, 2011) e Muros de aire (Xerais, 2015). Dentro da súa obra dirixida ao público infantil publicou, entre outras, a peza teatral O maquinista Antón (1995, 2009) e os relatos O caderno azul (1996), ¡Sireno, Sireno!, A buguina namorada (2003), A encontadora (2003), Os seres con raíces na cara (Galaxia, 2007), Vacas na cidade? (Galaxia, 2007),   O aroma do liquidámbar (2012) ou O fío vermello (2014).

Conta no seu haber con numerosos premios e recoñecementos literarios como son o Premio Lazarillo 2005, o Premio Xosé Neira Vilas 2006 ao mellor libro infantil e xuvenil, o Premio White Ravens 2007, o Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2007, o Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Xuvenil 2007, o Premio Lueiro Rey 2009, o Premio San Clemente 2010 ou o Premio Novela por entregas La Voz de Galicia 2010, así como o accésit deste mesmo premio en 2003 ou a Lista de Honra IBBY 2008.

Comparte