Nova: En 2018 dedicaranse 18 millóns de euros á posta en valor do patrimonio cultural galego
27/10/2017
En 2018 dedicaranse 18 millóns de euros á posta en valor do patrimonio cultural galego
Román Rodríguez deu conta hoxe no Parlamento dos orzamentos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que se incrementan ata chegar aos 2.392,7 millóns de euros
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, deu conta hoxe no Parlamento de Galicia dos orzamentos do departamento que dirixe, que no ano 2018 acadarán os 2392,7 millóns de euros, o que supón un incremento porcentual do 3,34% (77,3 millóns máis) respecto do inicial do ano en curso. En concreto, o incremento destínase en boa medida á area de educación (con 72,2 millóns máis), aínda que en cultura as partidas experimentarán unha medra de máis de 5 millóns de euros.
Posta en valor do patrimonio cultural
Na área de Cultura, Román Rodríguez destacou a suba de case o 16% nas partidas da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que suman un total de 18 millóns de euros. Ao abeiro deste reforzo poderanse executar actuacións como a restauración das cubertas da catedral de Nosa Señora da Asunción de Mondoñedo (600.000 euros), a musealización de San Martiño de Mondoñedo (200.000 euros), a conservación e posta en valor do mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes (1,6 millóns), a conservación e posta en valor do Mosteiro de Oseira (800.000 euros), a consolidación do castro de Cidadela (Sobrado, 60.000 euros) ou a rehabilitación do Mosteiro de Santa Catalina de Ares (120.000 euros), entre outras. Así mesmo están previstas intervencións na basílica de Santa María, en Pontevedra (200.000 euros).
Ademais, increméntanse en 100.000 euros as achegas ao Museo do Mar e mantéñense as destinadas ao Museo do Pobo Galego e á Fundación Marco de Vigo.
Apoio á cultura galega
Segundo indicou o conselleiro, a Secretaria Xeral de Cultura incrementa o seu orzamento nun 5,16%, ata chegar a 43,6 millóns, o que permitirá reforzar o apoio a entidades como o Consorcio de Santiago de Compostela -que aumenta a súa dotación en gasto corrente en medio millón de euros- ou o Padroado de Sargadelos (que sobe un 16,7%); ao tempo que se manteñen as mesmas achegas á Fundación Camilo José Cela e á Fundación Pública Cidade da Cultura.
Nesta liña, medra un 27,4% o orzamento a través do que se fomenta a cultura galega de base, nun 58% o destinado a arquivos e nun 33% os investimentos para o fomento das actividades culturais. Cabe destacar tamén a subida das partidas destinadas a exposicións e outras actividades de promoción e difusión cultural , en concreto máis dun 99%.
Impulso das industrias culturais
Xa no que atinxe ao impulso das industrias culturais galegas, o orzamento da Agadic medra un 10,7%, ata superar os 11,5 millóns; o que servirá para manter e reforzar as diferentes liñas de actuación desta axencia.
Así, volverá medrar a dotación da Rede Galega de Teatros e Auditorios e a da nova Rede Galega de Música ao Vivo, e incrementarase o apoio aos principais festivais musicais. Ao mesmo tempo, manteranse a colaboración ao desenvolvemento e á produción do sector audiovisual, as axudas ao talento de novos creadores e o apoio aos festivais audiovisuais; e continuarase apostando pola internacionalización das empresas culturais galegas en diferentes mercados e por eventos como o Conecta Fiction, que chegará a Galicia por segunda vez.