Nova: Danza 3 leva Cantigas e Agarimos a Marín
06/09/2014
Danza 3 leva Cantigas e Agarimos a Marín
A nova edición deste ciclo de difusión do baile e a música tradicionais continúa co espectáculo de rúa da agrupación compostelá ás 19:30 horas no recinto da alameda da localidade pontevedresa
O Fiadeiro e Xacarandaina participan tamén nesta iniciativa que, baixo o lema ‘Folclore na rúa’, está a desenvolver ata primeiros de outubro un total de nove representacións especiais noutras tantas localidades
Santiago, 6 de setembro de 2014.- Marín acolle o domingo, día 7, unha actuación a cargo da formación de baile e música tradicionais Cantigas e Agarimos, que terá lugar a partir das 19:30 horas no recinto da alameda desta localidade pontevedresa no marco do programa Danza 3. Folclore na rúa.
A agrupación compostelá protagoniza este ciclo xunto a Xacarandaina da Coruña e O Fiadeiro de Vigo. Os tres colectivos están a desenvolver un total de nove espectáculos especiais ata primeiros de outubro noutras tantas localidades galegas que colaboran nesta iniciativa: Celanova, Xinzo de Limia, Cerdedo, Noia, Xove, Sada, Rianxo, Marín e Lourenzá.
Na actuación en Marín —á que asistirá en representación da Consellería o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil— os músicos, cantareiras e bailaríns de Cantigas e Agarimos brindarán ao público unha selección do seu amplo repertorio a través dunha concepción formal adaptada ao espazo aberto dispoñible e que buscará a implicación dos espectadores.
Divulgación do noso patrimonio inmaterial
O obxectivo desta programación é transmitirlle á sociedade a esencia e a riqueza das nosas danzas, así como das músicas que as acompañan e do vestiario co que se poñen en escena. Contribúese, deste xeito, á divulgación dunha parte esencial da cultura de Galicia e do seu patrimonio inmaterial, tarefa na que estas tres formacións veñen traballando intensamente desde a súa fundación. De feito, e unidas como colectivo baixo as siglas XOC, Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos son as impulsoras da proposta para lle solicitar á Unesco a declaración do baile galego como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.