Nova: Patrimonio autoriza a intervención urxente na contorna do castro de Chandebrito en Nigrán

03/11/2017

Patrimonio autoriza a intervención urxente na contorna do castro de Chandebrito en Nigrán

A Xunta resolveu en menos de tres horas a solicitude da Comunidade de Montes de Man Común, que pediu actuar ante o risco de desprendemento das rochas próximas ao xacemento arqueolóxico na parroquia de San Xosé de Chandebrito

  • Foto Turismo de Galicia Foto Turismo de Galicia

Vigo, 3 de novembro de 2017.- A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de autorizar a intervención urxente na contorna do castro de Chandebrito, na parroquia de San Xosé de Chandebrito (Nigrán).

En menos de tres horas, logo de ter coñecemento da urxencia da actuación, a Xunta informou favorablemente á solicitude da Comunidade de Montes de Man Común de Chandebrito, que xustificou a intervención no perímetro do castro debido ao risco de desprendemento de varias rochas situadas nas abas sur e norte do monte onde se localiza o xacemento arqueolóxico.

A Xefatura Territorial de Patrimonio en Pontevedra cataloga as obras de escasa entidade e, en consecuencia, considera que non hai inconveniente para a realización das actuacións que se poidan executar. Ademais, fai mención ao carácter urxente da intervención.

Non obstante, na resolución recorda que deberanse tomar certas medidas de precaución para non afectar ao xacemento arqueolóxico, entre as que cita evitar movementos de terras ou modificacións da rasante natural do terreo. Por último, indica que cómpre comunicar ao Servizo de Patrimonio as medida ou características das actuacións finalmente establecidas.

A solicitude da Comunidade de Montes de Man Común de Chandebrito tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta ás 12.34 horas deste venres e a resolución de Patrimonio autorizando a intervención foille comunicada mediante correo electrónico as 15.11 horas.

 

Comparte