Nova: O Centro Coreográfico Galego participa nunha 'flashmob' para concienciar sobre o cancro de tiroides
05/09/2014
O Centro Coreográfico Galego participa nunha 'flashmob' para concienciar sobre o cancro de tiroides
Varios bailaríns promoveron unha acción de danza colectiva aberta na Praza da Quintana, na que se integrou o público
Santiago, 5 de setembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de colaborar coa Asociación Española de Cancro de Tiroides (AECAT) a través da participación do Centro Coreográfico Galego (CCG) na ´flashmob’ que se desenvolveu este mediodía na Praza da Quintana de Santiago de Compostela coa finalidade de acadar unha maior concienciación cara a esta enfermidade por medio desta peculiar acción escénica.
A actividade, organizada como parte do programa ‘Voces en el Camino’ —paralelo ao Congreso Europeo de Tiroides que está a ter lugar na capital de Galicia ata o 7 de setembro— incluíu danza, testemuñas de afectados e intervencións dos membros da asociación, nun acto que foi conducido polo actor e humorista Roberto Vilar e que supuxo o remate á xornada de peregrinación emprendida por este colectivo desde primeira hora da mañá co Monte do Gozo como punto de partida.
Baixo a coordinación da directora do CCG, Mercedes Suárez, a ‘flashmob’ consistiu na intervención por sorpresa de máis de 60 bailaríns e bailarinas, tanto profesionais como non profesionais, que responderon á convocatoria realizada pola compañía pública galega para participar esta iniciativa, ademais dos integrantes do Grupo de Música tradicional da Agadic. Ataviados con panos e sombreiros, entre todos conseguiron captar a atención dos visitantes á emblemática praza compostelá, utilizando a coreografía e a música para involucrar ao público.
A Consellería de Cultura e Educación coopera deste xeito con AECAT coa utilización da danza para fins sociais, un dos obxectivos do Centro Coreográfico Galego dentro da súa liña de difusión desta disciplina en todos os ámbitos.