Nova: Conferencias e concertos para analizar a influencia na música galega da emigración e do exilio en América

09/11/2017

Conferencias e concertos para analizar a influencia na música galega da emigración e do exilio en América

O grupo de investigación Organistrum da USC organiza o simposio O espello de Galicia en América: ideoloxía, emigración e exilio (1875-1951) co apoio de Cultura

O congreso investiga os efectos do movemento migratorio dos músicos galegos a América 

O secretario xeral de Cultura sinalou o intento dos intérpretes e compositores emigrados de recrear o soño musical galego na Galicia exterior
 

  • Conferencias e concertos para analizar a influencia na música galega da emigración e do exilio en América Conferencias e concertos para analizar a influencia na música galega da emigración e do exilio en América

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2017.- O grupo de investigación Organistrum da USC promove, coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, o simposio O espello de Galicia en América: ideoloxía, emigración e exilio (1875-1951), no que, coa colaboración de reputados especialistas españois e americanos, se analizará desde hoxe e ata o 11 de novembro a influencia que tiveron a emigración e o exilio no último cuarto do século XIX e primeira metade do século XX na evolución da música galega.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta mañá na apertura do simposio, onde destacou o efecto chamada das pequenas comunidades galegas no exterior para os profesionais da música e o seu intento por “recrear na Galicia exterior o soño musical que deixaron atrás, na súa aldea ou pobo”. Lorenzo estivo acompañado durante o acto do director do simposio, Carlos Villanueva e  a padroeira do Museo do Pobo Galego,  Rosa Méndez García.

O Museo do Pobo Galego, que está a celebrar este ano o seu 40 aniversario, acolle a sede do simposio, cuxo programa, que se estende ata o vindeiro sábado día 11, inclúe a celebración de dous concertos no Paraninfo da Universidade.

Influencias que enriqueceron dúas culturas

O gran movemento migratorio galego de finais do século XIX e o exilio provocado pola Guerra Civil española ata o 1951, coa primeira etapa do período de posguerra, marcan os límites temporais dun estudo que fai “un exhaustivo repaso pola música galega durante ese tempo e as influencias que repercutiron en espello en Galicia e a súa música, dando lugar a unha evolución enriquecida polos diferentes estilos a ambos os lados do mar”, segundo salientou o secretario xeral de Cultura durante a apertura do simposio.

Concertos

Ademais das sesións académicas, no marco do simposio celebraranse dous concertos, de entrada libre, no Paraninfo da Universidade. O Concerto de cancións galegas de aquí e de alá terá lugar mañá venres, ás 20.30 horas, a cargo da soprano Susana Lorenzo e do pianista Alejo Amoedo. O sábado, á mesma hora, celebrarase o concerto de clausura, que baixo o título Quendas e tandas de baile do século XIX no mundo hispanoamericano, interpretarán os pianistas Mariantonia Palacios e Juan Francisco Sans.

Comparte