Nova: Unha exposición recupera a obra do fotógrafo galego Baldo Pestana

15/11/2017

Unha exposición recupera a obra do fotógrafo galego Baldo Pestana

Pestana, a verdade entre as mans exhibirase na Cidade da Cultura e no Instituto Cervantes de Madrid

Román Rodríguez destaca que o proxecto rescata para memoria artística de Galicia a un mestre da cámara descoñecido para o gran público

Juan Manuel Bonet compromete os esforzos do Instituto Cervantes para dar a coñecer dentro e fóra de España a un referente na fotografía do século XX

A mostra, que chegará á Cidade da Cultura o 27 de abril, exhibirá unha escolla de imaxes de contido social e de retratos de escritores e intelectuais

 

  • Fotografía de Baldomero Pastana na mostra Retratos peruanos, do Museo de Arte Contemporáneo - Lima Fotografía de Baldomero Pastana na mostra Retratos peruanos, do Museo de Arte Contemporáneo - Lima

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, e o director de Instituto Cervantes, Juan Manuel Bonet, anunciaron esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia que ambas institucións organizarán de xeito conxunto unha gran exposición para recuperar e pór en valor a obra de Baldomero Pestana (Castroverde, Lugo. 1917-2015), fotógrafo galego descoñecido para o gran público, pero un referente da imaxe na segunda metade do século XX.

A exposición, titulada Pestana, a verdade entre as mans, inaugurarase o 15 de febreiro na sede do Cervantes en Madrid e chegará o 27 de abril ao Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), onde poderá visitarse ate o 2 de setembro. O proxecto está comisariado pola galega Chus Villar e polo escritor Juan Bonilla, e conta coa implicación dos familiares de Pestana, Antonio Polín Pérez e Carmen Rico Coira, responsables dos fondos.

Na mostra, a máis ambiciosa realizada até o momento sobre Pestana, exhibiranse 150 fotografías, imaxes de denuncia social e retratos de escritores e intelectuais, como Pablo Neruda, García Márquez, Vargas Llosa, Man Ray ou Dizzy Gillespie. O visitante poderá seguir o seu periplo vital nas tres cidades nas que se enmarca a vida de Pestana antes de regresar a Galicia: Bos Aires, Lima e París.

Rescatar do esquecemento

Román Rodríguez subliñou a transcendencia dun proxecto que “rescatará dun inxusto esquecemento a un mestre da cámara descoñecido para o gran público” e permitirá pór en valor a un galego “que viviu conectado á escena cultural do seu tempo”, deixando imaxes imprescindibles para achegarse á efervescencia artística do Perú dos anos cincuenta ou ao boom latinoamericano da década dos sesenta en París.

Juan Manuel Bonet comprometeu os esforzos do Instituto Cervantes para dar a coñecer dentro e fóra de España a obra de Pestana, situándoo no lugar que lle corresponde entre os grandes fotógrafos da segunda metade do século XX.

A presentación do proxecto contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez, da directora da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, dos familiares de Pestana, Antonio Polín Pérez e Carmen Rico Coira, e dunha das comisarias da exposición, Chus Villar, quen chamou a atención non só sobre a “calidade artística” das fotografías, senón tamén sobre a “extraordinaria biografía” dun galego que percorreu o mundo cunha “ollada sensible e intuitiva, de admiración, de humildade e de interese polo detalle, por riba da procura do espectáculo”.

Precisamente para achegarse á vida e ao universo creativo de Pestana, con motivo da exposición exhibirase tamén o documental A imaxe reb/veleda, produción dirixida por Andrea Vázquez García, producida por Miramemira e que se gravou durante os últimos anos de vida do fotógrafo, despois do seu regreso a Galicia.

Homenaxe a Casares no Cervantes

Con esta exposición, a Xunta e o Instituto Cervantes continúan nunha estratexia de colaboración para pór en valor figuras da cultura galega aproveitando a capacidade de proxección da Cidade da Cultura e a rede de centros do Instituto Cervantes no exterior. Precisamente a exposición José Suárez, uns ollos vivos que pensan, producida pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, ten viaxado da man do Cervantes a París, Toquio e, actualmente, atópase en Nova Delhi.

Nesta mesma liña de colaboración institucional, o director do Cervantes e o conselleiro de Cultura anunciaron hoxe que o vindeiro 19 de decembro se lle vai facer unha homenaxe Carlos Casares na sede madrileña do Instituto Cervantes.

Comparte