Nova: Inícianse os preparativos para a conmemoración do centenario da Xeración Nós

16/11/2017
Inícianse os preparativos para a conmemoración do centenario da Xeración Nós
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presidiu hoxe a primeira reunión para deseñar unha folla de ruta ampla e consensuada da homenaxe a este colectivo en 2020, coincidindo coa fundación da revista Nós
Na xuntanza estiveron presentes representantes das Deputacións Provinciais, dos concellos, das universidades e das principais institucións culturais de Galicia
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2017.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acaba de comezar a traballar na programación dos actos de homenaxe á Xeración Nós en 2020, cando se cumprirán cen anos da fundación da revista Nós. Boletín mensual da cultura galega, que deu orixe a un dos momentos literarios e creativos máis importantes de Galicia con figuras destacadas como Castelao, Otero Pedrayo, López Cuevillas, Losada Diéguez, Francisca Herrera Garrido, Vicente Risco ou Ramón Cabanillas.
En aras de buscar a maior coordinación posible, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presidiu hoxe a primeira xuntanza de traballo arredor da conmemoración desta efeméride, á que foron convocados representantes das catro deputacións provinciais, dos concellos de Ourense, Allariz, Pontevedra, Celanova, Verín, Rianxo e Melide; das fundacións Luís Seoane, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Losada Diéguez, e Alexandre Bóveda; dos museos Arqueolóxico Provincial de Ourense, Etnolóxico de Ribadavia, de Pontevedra e do Pobo Galego; do Instituto Padre Sarmiento; do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega, da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, da Real Academia Galega de Ciencias; das tres universidades; e de entidades profesionais relacionadas con escritores, co libro e con ilustradores, entre outros. Ademais, por parte da administración autonómica, tamén estiveron representados a Axencia de Turismo de Galicia, a Secretaría Xeral de Cultura, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
Deste xeito, desde o Goberno galego trátase de vertebrar unha liña de actuación conxunta para a conmemoración da Xeración Nós, e renderlle así unha homenaxe o máis coordenada posible, ampla e inclusiva, a un grupo de intelectuais galeguistas que destacaron polas súas achegas á literatura e á cultura galegas, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.