Nova: A Biblioteca de Galicia recibirá 30.000 exemplares depositados ata agora na BNE

24/11/2017

A Biblioteca de Galicia recibirá 30.000 exemplares depositados ata agora na BNE

A Xunta participa na primeira reunión do Real Padroado da Biblioteca Nacional Española

No acto, presidido polos Reis de España, o secretario xeral de Cultura puxo en valor a cesión da BNE á Biblioteca de Galicia duns 30.000 exemplares procedentes do depósito legal para enriquecer o patrimonio bibliográfico galego

  • A Xunta participa na primeira reunión do Real Padroado da Biblioteca Nacional Española A Xunta participa na primeira reunión do Real Padroado da Biblioteca Nacional Española

Madrid, 24 de novembro de 2017.- A Xunta de Galicia participou hoxe na primeira reunión do Pleno do Real Padroado da Biblioteca Nacional de España, institución que inicia unha nova etapa logo da aprobación da súa Lei reguladora e do seu Estatuto, o pasado mes de decembro de 2016.

Durante o encontro, que estivo presidido polos Reis de España, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, explicou o interese do proxecto posto en marcha pola Biblioteca Nacional de España polo cal a entidade lles cederá ás comunidades autónomas máis de un millón de exemplares das primeiras edicións publicadas desde a década dos cincuenta ata o ano 2011, procedentes do depósito legal.

Preto de 30.000 exemplares para enriquecer o patrimonio bibliográfico

Segundo informou Anxo Lorenzo, Galicia é a primeira comunidade autónoma en formar parte desta iniciativa, a través da que a Biblioteca de Galicia recibirá preto de 30.000 exemplares, moitos deles descatalogados, que pasarán a enriquecer e a completar o patrimonio bibliográfico galego. Todos eles proceden dos terceiros exemplares de cada primeira edición depositada na Biblioteca Nacional de España desde 1958 ata 2011, ano no que a nova Lei de depósito legal estableceu que a institución debe conservar polo menos dous exemplares, fronte aos tres recollidos no marco normativo anterior.

Na xuntanza, o Pleno do Real Padroado –órgano de xestión colexiado que debe establecer os principios de organización da BNE e determinar as directrices da súa actuación, foi informado da evolución da Biblioteca nos últimos anos, así como dos principais obxectivos no que respecta ao valor do patrimonio e aos retos da economía do coñecemento na sociedade actual.

Galicia no Real Padroado da BNE

Galicia incorporouse este ano ao Real Padroado da Biblioteca Nacional de España en representación das bibliotecas das comunidades autónomas, xunto con Euskadi e con Cataluña. A designación, que ten carácter rotatorio, aprobouse o pasado mes de xullo durante a reunión plenaria da Conferencia Sectorial de Cultura, que tivo lugar no Museo Nacional do Prado, en Madrid.

 

Comparte