Nova: Comezan os traballos de limpeza e restauración das Burgas de Abaixo de Ourense

27/11/2017

Comezan os traballos de limpeza e restauración das Burgas de Abaixo de Ourense

A Xunta comeza os traballos de limpeza e restauración das Burgas de Abaixo de Ourense 

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, supervisaron esta tarde o inicio da actuacións que contan cun investimento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de 16.000 euros

A intervención busca atallar a deterioración que sofre este ben de gran valor cultural, erixido, ademais, en emblema e reclamo turístico da cidade

Díaz Mouteira sostén que as construcións históricas precisan dunha protección activa que evite que esmorezan e se deterioren co paso do tempo

  • Unha imaxe das Burgas | Foto Turismo de Galicia Unha imaxe das Burgas | Foto Turismo de Galicia
  • A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, supervisaron esta tarde o inicio da actuacións que contan cun investimento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de 16.000 euros A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, supervisaron esta tarde o inicio da actuacións que contan cun investimento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de 16.000 euros
  • A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, supervisaron esta tarde o inicio da actuacións que contan cun investimento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de 16.000 euros A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, supervisaron esta tarde o inicio da actuacións que contan cun investimento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de 16.000 euros

Ourense, 27 de novembro de 2017.- A Xunta, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de comezar hoxe na capital ourensá as obras de limpeza e restauración de As Burgas, concretamente das Burgas de Abaixo, uns traballos aos que se destinarán preto de 16.000 euros. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, subliñou o compromiso do Goberno galego co mantemento do patrimonio cultural e incidiu en que as construcións históricas precisan dunha protección activa que evite que esmorezan e se deterioren co paso do tempo.

Díaz Mouteira e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, supervisaron hoxe o inicio das obras executadas pola empresa Orega S.L. ao abeiro dun convenio de cooperación asinado o pasado mes de outubro entre o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o rexedor da cidade co obxectivo de procurarlle a este monumento o tratamento que merece como ben de gran valor cultural, erixido, ademais, en emblema e reclamo turístico da cidade.

Con esta intervención, incluída no Plan estratéxico para a protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia da Consellería de Cultura, búscase corrixir os efectos causados polo paso do tempo e pola propia auga no ben. A finais de ano, cando está previsto que queden rematados os traballos, será o Concello de novo o que asumirá a xestión, mantemento e conservación das Burgas.

O seu estado de conservación actual é malo debido á degradación do material construtivo, a sucidade e a pátina biolóxica en sitios puntuais, por mor de accións biolóxicas, ambientais e construtivas. A proposta de restauración proxectada inclúe unha serie de intervencións sobre a fonte entre as que destaca unha limpeza da pedra que se fará integramente a man.

A Burga de Abaixo foi construída a mediados do século XIX en estilo neoclásico. Consta de tres corpos con dous canos laterais e unha pía labrada no centro con outro cano. En conxunto, As Burgas foron declaradas en 1975 Conxunto Histórico-Artístico e hoxe en día son, canda a ponte romana e a catedral, un dos símbolos patrimoniais da cidade.

Comparte