Nova: Unha xornada de actos para conmemorar o XVII Aniversario da Declaración da muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade

01/12/2017

Unha xornada de actos para conmemorar o XVII Aniversario da Declaración da muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade

A Xunta invita os lucenses a participar mañá nos actos de conmemoración do XVII Aniversario da Declaración da muralla como Patrimonio da Humanidade  

Inaugúrase unha exposición organizada polo Arquivo Histórico Provincial con fondos fotográficos de Vega sobre a Operación Muralla Limpa

Participarán nunha mesa redonda os exalcaldes García Díez e López Orozco, o exconselleiro Vázquez Portomeñe e o actual conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, lembra que as actividades terán lugar na Delegación Territorial e son de acceso libre e gratuíto

 

Lugo, 1 de decembro de 2017.- A Xunta invita aos lucenses a participar nos actos que se celebrarán mañá na Delegación Territorial para conmemorar o XVII Aniversario da Declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade.

Os actos comezarán ás 12 horas na sala de exposicións, coa inauguración dunha exposición organizada polo Arquivo Histórico Provincial con fondos fotográficos de José Luis Vega Fernández sobre a “Operación Muralla Limpa”, que se executou no ano 1972.

Posteriormente, a partir das 12,30 horas, dará comezo no salón de actos a mesa redonda “A Muralla: Un antes e un despois”, na que participarán como relatores os alcaldes que promoveron e impulsaron a declaración, Joaquín García Díez e José Clemente López Orozco, o conselleiro de Cultura na época en que se comezaron os trámites, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, e o actual conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que os actos son de acceso libre e gratuíto, e incidiu “no valor que teñen as fotografías de Vega, que nos lembran a nosa historia máis recente”. A mostra permanecerá exposta ata o día 17 de decembro e recolle instantáneas da que foi a primeira grande aposta por poñer en valor o monumento, unha iniciativa que derrubou en menos de dous anos 85 edificacións que estaban pegadas á Muralla polo exterior.

Igualmente, Balseiro destacou que “será de interese escoitar de primeira man os testemuños dalgunhas das persoas que viviron máis de preto o proceso que desembocou na declaración da Unesco, e que tiveron ou teñen responsabilidades no ámbito da Cultura, para extraer conclusións que nos axuden nos retos que temos por diante na capital e na provincia na posta en valor do noso patrimonio”.

Ao remate da mesa redonda, está previsto realizar un breve paseo polo adarve da Muralla.

Comparte