Nova: Novas actuacións na muralla de Lugo para avanzar na súa conservación

02/12/2017

Novas actuacións na muralla de Lugo para avanzar na súa conservación

O conselleiro de Cultura Román Rodríguez explicou que se van exhumar dúas escaleiras romanas nos cubos LXX e LXXI, se actuará no túnel do cubo VI para a súa posta en valor e se acometerá a consolidación estrutural do cubo VII

Salientou a importancia deste ben como símbolo identitario de Lugo e de Galicia e emprazou a seguir traballando de xeito coordenado e planificado para garantir a conservación e protección para os vindeiros séculos

 

  • Vista da muralla de Lugo | Imaxe: Turismo.gal Vista da muralla de Lugo | Imaxe: Turismo.gal

Lugo, 2 de decembro de 2017.- A consellería de Cultura ten previsto iniciar o vindeiro ano unha nova serie de actuacións na muralla de Lugo co fin de avanzar na súa conservación. Así o anunciou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, durante a súa intervención con motivo dos actos conmemorativos do 17 aniversario da declaración de Patrimonio Mundial deste monumento romano.

Segundo explicou, o ano que vén, no marco das actuacións que se están a realizar nos cubos LXX e LXXI, vanse exhumar dúas escaleiras romanas. O obxectivo é resolver o problema de filtracións que presentan, documentalas e volvelas a cubrir. Así mesmo tamén están previstas accións específicas para a posta en valor do túnel do cubo VI e a consolidación estrutural do cubo VII e o lenzo interior do seu contorno inmediato.

Román Rodríguez lembrou o “clima de ilusión” e o traballo colaborativo das distintas administracións, que fixo posible articular un proxecto de calado co que se deu visibilidade nacional e internacional á candidatura a Patrimonio Mundial, feita realidade o 30 de novembro do ano 2000. Nesta liña, emprazou a continuar apostando pola vía da cooperación para garantir a protección deste monumento, con actuacións de conservación e restauración planificadas, e a difusión dos seus valores patrimoniais.

Máis de 4 millóns de euros desde 2009

As novas actuacións que se comezarán a desenvolver o próximo ano engádense ao conxunto de obras de salvagarda levadas a cabo e que desde 2009 acadan un investimento de máis de 4 millóns de euros.

Concretamente no presente 2017 acométense obras nos cubos XIX, LXX, LXXI e LXXX, a rehabilitación dun lenzo nas traseiras da rúa Clérigos, as actuacións previas no túnel descuberto nas proximidades do Instituto Xoán Montes que, xunto co contrato de mantemento, supoñen máis dun millón de euros.

Mellora da accesibilidade

Un orzamento que, segundo Román Rodríguez, se está levando a cabo “dun xeito planificado e eficiente”, e que conta, ademais de con recursos propios, con aportacións do goberno do Estado e do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Desde a consellería durante todos estes anos estívose levando a cabo un control constante da evolución do estado da muralla, co groso do investimento destinado a actuacións directas sobre a conservación e restauración do ben.

Non obstante, o conselleiro fixo especial fincapé noutro tipo de actuacións como é a accesibilidade ao ben, “unha cuestión fundamental, posto que o desfrute do patrimonio tamén debe ser para todos”, sinalou. Precisamente para mellorar a accesibilidade habilitouse un ascensor na parte de atrás da Deputación.

Na súa intervención o conselleiro tamén aludiu á necesidade de programar actividades de difusión do ben, porque “para apreciar e respectar o patrimonio, primeiro hai que coñecelo”.

Na mesa redonda dos actos conmemorativos do 17 aniversario da muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade tamén participaron os ex alcaldes de Lugo José López Orozco, e Joaquín García Díez, e o ex conselleiro de Cultura e deporte Víctor Manuel Vázquez Portomeñe. Tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro. A axenda desta celebración completouse coa inauguración dunha exposición fotográfica, Operación Muralla Limpa.1972, con fondos procedentes do Arquivo Histórico Provincial; e cun percorrido pola propia muralla.

Comparte