Nova: Novo protocolo para avanzar na habilitación no eido do patrimonio cultural dos concellos galegos
04/12/2017
Novo protocolo para avanzar na habilitación no eido do patrimonio cultural dos concellos galegos
O conselleiro de Cultura anunciou que se simplifican os procesos interadministrativos, garantindo a máxima protección e maior axilidade e afirmou que se trata dunha oportunidade para os concellos que reportará beneficios para os veciños
O presidente da FEGAMP destacou que os concellos son os máis interesados en rehabilitar o patrimonio cultural das súas contornas e destacou o clima de colaboración co departamento autonómico de Cultura
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo L. García Rodríguez, veñen de asinar na sala Eisenman da Cidade da Cultura un protocolo de colaboración para avanzar na habilitación dos concellos galegos para autorizar determinadas intervencións e obras que até o momento esixían autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
O obxecto do documento de colaboración é continuar co desenvolvemento normativo da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia e establecer as bases para a subscrición de convenios entre a Consellería de Cultura e os concellos para a habilitación establecida no artigo 65 desta nova norma autonómica. En concreto, os entes locais, unha vez habilitados, poderán autorizar intervencións referidas a bens catalogados integrantes do patrimonio arquitectónico ou etnolóxico e ás súas contornas de protección e zonas de amortecemento.
A habilitación respectará sempre as limitacións contidas no devandito artigo e, polo tanto, non poderá referirse a bens declarados de interese cultural, nin a calquera ben catalogado do patrimonio artístico ou arqueolóxico ou outro ben incluído no ámbito territorial delimitado como Camiño de Santiago. Tampouco incluirá aos que sexan de titularidade da Igrexa católica e ás actuacións de salvagarda que promova a Consellería de Cultura. Todas estas intervencións someteranse ao réxime xurídico ordinario e, consecuentemente, deberán ser autorizadas pola propia consellería.
Máxima protección e maior axilidade
Román Rodríguez explicou que a nova Lei do Patrimonio que se está a desenvolver normativamente “busca combinar a máxima protección do noso patrimonio sobranceiro coa axilidade e a simplificación dos trámites administrativos”, e insistiu na importancia de “conseguir o maior nivel de implicación e coordinación cos concellos na protección do patrimonio cultural” afirmando que se trata “dunha oportunidade para os concellos que suporá un beneficio para os veciños”, aínda que aclarou que se trataba dunha medida voluntaria.
O conselleiro avanzou que a medida da habilitación reviste utilidade ao simplificar os procesos interadministrativos, de xeito que nos casos previstos pola Lei de Patrimonio se podan realizar todos os trámites nos propios concellos, e valorou a sinatura do protocolo como unha oportunidade de desenvolvemento territorial e local de Galicia.
Pola súa banda, o presidente da FEGAMP, resaltou “que é unha cuestión de confianza a firma deste protocolo de colaboración a través do cal agora a consellería de Educación traslada algunhas competencias nesta materia aos concellos coa intención de axilizar os trámites de licenza e que esta sexa concedida de forma municipal”. Segundo o presidente “os concellos son os máis interesados en rehabilitar o patrimonio cultural das súas contornas” e tivo palabras de agradecemento “pola consecución deste obxectivo de acurtar os tempos e facilitar a tramitación de licenzas no eido do patrimonio cultural no que tanto a Consellería como os concellos levan traballando dende hai tempo”.
Obrigas para as partes asinantes
No marco deste protocolo, a FEGAMP comprométese a promover entre as entidades locais asociadas a sinatura destes convenios de habilitación e, pola súa parte, a Xunta prestará asesoramento aos concellos, sempre que o precisen e previa consulta dos mesmos, en relación ao valor cultural dos bens.
Os requisitos para a habilitación quedan establecidos na disposición adicional cuarta da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e refírense á existencia no concello dun planeamento urbanístico adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia; unha certificación municipal da dispoñibilidade dunha comisión técnica formada, polo menos, con persoal competente para o exercicio da arquitectura, a arqueoloxía e historia da arte; e unha metodoloxía e sistematización da información compatibles co regulamento do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, que permitan o adecuado traslado da información.
Logo de cumprir con estes requisitos e terse asinado o correspondente convenio o concello poderá autorizar as intervencións previstas. Finalmente, o concello comunicaralle á consellaría competente en materia de patrimonio cultural, cunha periodicidade trimestral, as autorizacións e licenzas ditadas conforme esta habilitación. Para avanzar con este proceso, en mañá sairá publicada no DOG unha instrución relativa ao trámite de autorizacións en materia de patrimonio cultural nos bens inmobles catalogados e declarados de interese cultural, os seus contornos de protección e as zonas de amortecemento.
Por parte da FEGAMP tamén participaron no acto o vicepresidente segundo e alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, e o vicepresidente executivo e alcalde de Oroso Manuel Mirás Franqueira. Por parte da consellería estiveron presentes Jesús Oitavén, secretario xeral técnico da Consellería, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e María Carmen Martínez Ínsua, directora xeral do Patrimonio Cultural.
O desenvolvemento da instrución
O obxecto da instrución é desenvolver o criterio de interpretación sobre o réxime de autorizacións en materia de protección do patrimonio cultural é dunha forma concreta, que actuacións sobre bens inmobles protexidos polo seu valor cultural ou, de ser o caso, nos seus contornos de protección ou zonas de amortecemento, non requiren da autorización previa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por non supoñer afección ningunha, nin poñer en risco, os valores culturais protexidos.
Trátase dunha instrución negociada coa propia FEGAMP que describe o ámbito de aplicación para identificar as intervencións que non precisan dunha autorización previa en materia de patrimonio cultural en bens inmobles protexidos e describe a casuística completa ao respecto. Segundo explicaron tanto o presidente da Federación como o conselleiro estas intervencións poden chegar a significar a lo menos un 30% das solicitudes, pero que se estima que, no caso dalgúns concellos, podería alcanzar máis do 40%. Ámbolos dous subliñaron a importancia de confiar no criterio dos técnicos e xestores locais, que en calquera caso contarán sempre co asesoramento dos profesionais da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.