Nova: Unha miniserie de televisión recrea o roubo do Códice Calixtino

13/09/2014

Unha miniserie de televisión recrea o roubo do Códice Calixtino

'Códice' é unha iniciativa de Ficción Producciones e está dirixida por Jorge Cassinello e interpretada por Miguel de Lira, María Vázquez, e Francis Lorenzo nos papeis protagonistas

A filmación desenvolverase ata mediados de outubro coas localizacións principais no interior do templo compostelán

  • Códice Códice

Santiago, 13 de setembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do inicio da rodaxe de ‘Códice’, a miniserie de televisión da produtora galega Ficción Producciones que recrea o suceso do roubo do Códice Calixtino acontecido na Catedral de Santiago.

O departamento que dirixe Jesús Vázquez Abad cofinancia este proxecto cun total de 208.078,64 euros adxudicados pola convocatoria de 2013 de axudas para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega con decidido contido artístico e cultural da Agadic. A contía, asignada dentro da categoría específica de películas para televisión e resultado da resolución dun procedemento de concorrencia competitiva, librarase con cargo ás anualidades orzamentarias de 2013 a 2015.

En nome da Consellería, o director da Agadic compartiu o acto conducido por Camilo Franco (xornalista e asesor de guión en ‘Códice’) con parte do equipo artístico e de dirección do proxecto e cos representantes do resto de entidades que patrocinan ou colaboran nesta produción: a Televisión de Galicia e o Concello de Santiago.

Produción singular
Jacobo Sutil referiuse ao apoio a ‘Códice’ desde a Xunta de Galicia como parte da súa política de dinamización do audiovisual galego e cualificou a produción de “singular” por moitos aspectos, entre eles a excepcionalidade de filmar unha película de ficción no interior do templo compostelán, o amplo ‘casting’ que inclúe a máis de vinte actores e actrices galegos ou utilización do noso idioma como lingua orixinal de rodaxe. “Podemos dicir con todo convencemento que Códice reúne moitos ingredientes para se converter nun éxito seguro”, expresou.

‘Códice’, dirixida por Jorge Cassinello, protagonizada por Miguel de Lira, María Vázquez, e Francis Lorenzo e con Julio Casal e Mamen Quintas como directores executivos, ten como punto de partida un dos acontecementos ocorridos en Galicia con máis repercusión informativa nacional e internacional: o roubo o pasado ano do Códice Calixtino da catedral compostelá.

Xunto aos intérpretes principais tamén forman parte do reparto Carlos Blanco, Antonio Durán ‘Morris’, María Castro, Mónica Camaño, Tamar Novas, Sabela Arán, Manuel Lozano, Xulio Abonjo, Xosé Barato, Manuel Manquiña, Luís Zahera, Alfonso Agra, Antonio Mourelos, Luís Iglesia, Camila Bossa e Manuel Cortés, ademais de 200 figurantes procedentes de diferentes puntos da xeografía galega.

A rodaxe principiou o pasado luns 1 de setembro e prevé un intenso calendario de traballo ata o vindeiro 13 de outubro, coa maioría das xornadas na zona monumental de Santiago e en localizacións tan emblemáticas como a nave central, o claustro e as cubertas exteriores da catedral, a capela da Corticela, a praza das Praterías ou o cemiterio do Parque de Bonaval.

 

Comparte