Nova: A mostra Auga Doce despídese con máis de 40.000 visitantes
15/09/2014
A mostra Auga Doce despídese con máis de 40.000 visitantes
Contou cun amplo programa de actividades que incluíu xornadas de portas abertas, actividades para nenos, concertos, xornadas académicas e visitas didácticas pola que pasaron un total de 7.800 escolares galegos
Grandes nomes da arte contemporánea como Martín Chirino ou Christian Boltanski ocuparon os catro andares nos que se dividiu a mostra
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2014.- O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura despediu este domingo a exposición Auga Doce, unha mostra multidisciplinar formada por 700 obras que ao longo de seis meses convidou ao público a contemplar como grandes mestres da arte lle renden unha homenaxe a un elemento clave da identidade galega.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destacou a boa acollida que a terceira grande mostra do Museo Centro Gaiás tivo entre o público, tras rexistrar ao longo dos 153 días que estivo aberta máis de 40.000 visitantes, 256 por día. Así mesmo, Cultura e Educación reiterou unha vez máis o seu agradecemento aos patrocinadores (Gas Natural Fenosa, Fundación Aquae, Banco Sabadell e a Fundación Gaiás) así como aos colaboradores (Finsa, Balnearios de Galicia, Agamin, Coca Cola, Obra Social ‘laCaixa’ e Aguas de Mondariz), sen os que non sería posible levar a cabo esta ambiciosa mostra.
Auga Doce constituiu unha oportunidade única para contemplar obras de grandes nomes da historia da arte procedentes de 140 institucións nacionais e internacionais de recoñecido prestixio, como o MoMA, o Victoria & Albert, o Rijksmuseum, o Musée D’Orsay, o Reina Sofía ou o Thyssen-Bornemisza, ademais de pezas procedentes dos principais museos e coleccións galegas, como o CGAC, o Museo de Belas Artes da Coruña ou o Museo de Pontevedra.
Pinturas, esculturas, fotografías, vídeos, instalacións, enxeños científicos ou pezas etnográficas mergullaron ao visitante nunha intensa experiencia estética a través de grandes nomes da creación contemporánea como David Hockney, Gerhard Richter, Mario Merz, Louise Bourgoise, Martín Chirino ou Chema Madoz e mestres clásicos da talla de Piranesi, John Constable, Henry Lewis ou Audubon.
Visitas didácticas e actividades paralelas
Xunto á mostra, a Cidade da Cultura levou a cabo un amplo programa de actividades paralelas á exposición entre as que destacan as visitas didácticas, patrocinadas pola obra Social ‘laCaixa’, que achegaron ao Museo Centro Gaiás a un total de 7.800 escolares de todos os niveis educativos.
A través destas visitas formativas, con contidos adaptados aos diferentes tramos de idade, a comunidade escolar puido descubrir dunha forma lúdica e didáctica a exposición Auga Doce artellada en torno a tres eixes: educación artística, compromiso ambiental e investigación científica.
A formación a través da mostra tamén se dirixiu a un público especializado a través das xornadas académicas ‘Produción e xestión de exposicións temporais’ celebradas en setembro, a través das que se deron as claves á hora de confeccionar unha mostra: desde a petición de obra, á montaxe, o deseño ou o plan de comunicación.
Os máis pequenos puideron gozar da mostra desde un punto de vista máis lúdico a través de dúas actividades que esgotaron prazas en todos os pases: ‘Rescatadores de Auga Doce’ e a súa misión de converterse en superheroes e salvar a auga do planeta, e ‘Unha noite baixo a auga’, na que nenos de 7 a 11 anos pasaron a noite no Museo Centro Gaiás rodando un vídeo no que concienciar á sociedade sobre os problemas da auga.
Mensaxe sostible e solidaria
A mostra colabora con dúas organizacións humanitarias: a ONG galega ‘Pozos de Auga Mayo Rey’, que está a traballar na construción de pozos nunha das rexións máis desfavorecidas de Camerún; e “Acción Contra el Hambre”, dedicada a promover o acceso a auga potable.
Neste sentido foron especialmente importantes as dúas xornadas de portas abertas celebradas ao redor do Día dos Museos e do Día do Medio Ambiente. O 18 de maio, Día Internacional dos Museos, o Museo Centro Gaiás acolleu unha xornada de portas abertas ao redor da auga doce patrocinada pola Fundación Aquae, que acolleu de forma ininterrompida obradoiros artísticos e creativos, contacontos, xogos e experimentos científicos para aprender dunha forma divertida.
Unha experiencia que se complementou coa celebración do Día do Medio Ambiente, no que se convidou ao visitante a reflexionar sobre a importancia da auga e as ameazas que afectan á contorna natural a través da propia mostra, o obradoiro ‘Plantando botellas’ e as pompas de xabón de Pep Bou e o espectáculo ‘Rebufaplanetes’.
Auga Doce foi tamén protagonista no Día da Música a través do concerto ofrecido pola Real Filharmonía de Galicia, que contou coa estrea da obra ‘Auga Doce’, realizada ‘ad hoc’ polo compositor galego Juan Durán.
Visitas ilustres
Ata o Museo Centro Gaiás tamén se achegaron moitos dos artistas presentes na mostra, desde galegos como Rubén Ramos Balsa ou Jorge Perianes, que mesmo comentaron a súa obra con algúns visitantes, ás botanistas británicas que participaron coas súas delicadas pezas ou Irene López de Castro.
A Cidade da Cultura acolleu tamén a visita da embaixadora de Australia, Jane Hardy, que puido contemplar as pezas de arte aborixe australiano, e grandes nomes da arte como o fotógrafo galego Manuel Vilariño ou o recoñecido artista francés Christian Boltanski. Especialmente emocionante foi a visita do escultor Martín Chirino que se reencontrou coa súa obra ‘El Carro II’, presente en Auga Doce, tras cincuenta anos da súa creación.
Vindeiras exposicións
Tras o proceso de desmontaxe de Auga Doce, o Museo Centro Gaiás estreará en novembro unha nova exposición que estará centrada na celebración do 25 aniversario do cine en Galicia, para xa en marzo de 2015 inaugurar a que será a nova gran mostra da Cidade da Cultura dedicada ao Camiño de Santiago.