Nova: A Biblioteca de Galicia impulsa a primeira recolección dos sitios web con dominio .gal
11/01/2018
A Biblioteca de Galicia impulsa a primeira recolección dos sitios web con dominio .gal
A captura dos sitios web rexistrados co dominio galego, realizada pola Biblioteca Nacional de España, contribúe a preservar os contidos que ofrecen estas páxinas
Os máis de 140 GB de información recolectada pasan a formar parte da colección web de Galicia e do seu depósito legal electrónico
Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2018.- A Biblioteca Nacional de España completou, por encargo da Biblioteca de Galicia, a primeira recolección do dominio .gal, que pasa a formar parte da colección web de Galicia e do seu depósito legal electrónico, cuxa xestión é responsabilidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Biblioteca de Galicia.
O rastrexo do dominio .gal, que se desenvolveu o pasado mes de decembro, deu como resultado a descarga de máis de 140 GB de información. O proceso de recolección consistiu na captura dos sitios web rexistrados baixo o dominio .gal a partir do emprego de programas informáticos, coa finalidade de arquivar e preservar a maior cantidade posible dos contidos que conforman os recursos web deste dominio, que lle permite á cultura e á lingua galegas dispoñer dun identificador de primeiro nivel para visibilizalas e para incrementar o tráfico na Rede cara aos portais galegos.
A operación realizouse sobre unha listaxe de 4.261 dominios fornecidos pola Asociación PuntoGal, entidade responsable da xestión do dominio galego. Aproximadamente a metade deles non ten contido, a maioría por ser só dominios reservados. Da outra metade, un 26% recolectouse na súa totalidade, mentres que o resto alcanzou o límite de tamaño de 150 MB por dominio, o mesmo que se estableceu para a última recolección masiva do dominio .es.
A preservación dos contidos dos sitios web que alcanzaron o límite de 150 MB complementarase con recoleccións selectivas xestionadas pola Biblioteca de Galicia, tamén en colaboración coa BNE.
A inmensidade da información existente en internet fai que a exhaustividade na súa conservación sexa unha tarefa practicamente inviable, de aí a importancia dunha selección de calidade por parte dos centros responsables da preservación das publicacións en liña.
Terceiro aniversario do dominio .gal
O dominio galego en internet celebrou o pasado 2 de decembro de 2017 o seu terceiro aniversario. Entre os dominios rexistrados nestes tres anos figuran institucións públicas e privadas de todo tipo, entidades sen ánimo de lucro, empresas e particulares. Os máis de 4.200 usuarios decantáronse polo .gal para promover a súa marca, destacando o valor engadido de ser galego e de facer comunidade da lingua e a cultura galegas na rede.
Xestión do depósito legal
Desde a entrada en vigor do Real Decreto 635/2015, do 10 de xullo, polo que se regula o depósito legal das publicacións en liña, e no marco do Consello de Cooperación Bibliotecaria, os centros de conservación das comunidades autónomas (os competentes en materia de depósito legal) e a Biblioteca Nacional de España colaboran para a construción e xestión dun depósito legal colaborativo. Nese ámbito de colaboración creáronse coleccións web de alcance e temática autonómica que xestionan os propios centros de conservación.
Desde xullo de 2017 estes contidos están accesibles a través de terminais seguros nos centros de conservación das comunidades autónomas que o solicitaron, a propia Biblioteca de Galicia entre eles, e na Biblioteca Nacional de España. Pódese atopar máis información sobre este proxecto en http://bibliotecadegalicia.xunta.gal/gl/actualidade/avisos/arquivo-web-de-galicia-primeira-colleita-do-dominio-gal