Nova: Máis de 260 profesionais da arquitectura e o urbanismo do eido municipal coñecen as novas posibilidades da Lei do patrimonio

24/01/2018

Máis de 260 profesionais da arquitectura e o urbanismo do eido municipal coñecen as novas posibilidades da Lei do patrimonio

A Consellería de Cultura e a Fegamp organizan a xornada Tramitación administrativa sobre expedientes de bens patrimoniais

O titular de Cultura anunciou que esta mesma semana vén de concluírse a constitución de todos os Consellos Territoriais de Patrimonio e do Consello Asesor do Camiño, o que suporá un 80% menos de expedientes sometidos a informe respecto ao que viña sendo até o día de hoxe e lembrou que ao abeiro da Instrución 1/2017 ao menos un 30% das solicitudes de intervencións non precisarían pasar por Patrimonio e poderían ser autorizadas directamente polos concellos

Pola súa banda, o presidente da Fegamp resaltaba que este acordo é o resultado da confianza posta nos concellos nun tema tan sensible como é o patrimonio cultural

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfredo García, inauguraron hoxe a xornada de Tramitación administrativa sobre expedientes de bens patrimoniais, na que participaron máis de 260 técnicos en Patrimonio e arquitectos. A cita estaba concibida para orientar e clarificar todos os aspectos relativos á aplicación e posibilidades da nova Lei de patrimonio cultural de Galicia.

O conselleiro explicou que a nova norma prevé un traballo estreito cos concellos polo que, desde un principio, se contou coa colaboración da Fegamp para a elaboración do texto normativo. Unha cooperación que cualificou como “moi positiva e produtiva”. Ao respecto da lei e o seu desenvolvemento, Román Rodríguez sinalou que actualmente “estamos bastante mellor preparados para xestionar dun xeito eficiente e áxil o noso Patrimonio Cultural”, sen diminuír a protección sobre a nosa herdanza sobranceira.

Así mesmo, o titular de Cultura anunciou que desde esta mesma semana xa están constituídos os novos Consellos Territoriais de Patrimonio das catro provincias e o Consello Asesor do Camiño. E explicou que a recente definición e regulación dos mesmos, mediante o Decreto 93/2017, posibilita a exención deste trámite a unha porcentaxe moi significativa dos casos. “Estamos a falar ‒afirmou Rodríguez‒ de aproximadamente un 80% menos de expedientes sometidos a informe respecto ao que viña sendo até o día de hoxe, tanto nos Consellos Territoriais como no Consello do Camiño.” Ademais o conselleiro referiuse á Instrución 1/2017, ao abeiro da cal ao menos un 30% das solicitudes de intervencións non precisarían pasar por Patrimonio e poderían ser autorizadas directamente polos concellos.

Rodríguez fixo fincapé en que os concellos son administracións moi importantes e resaltou “a confianza plena tanto a nivel político como a nivel técnico para xogar un papel positivo na xestión eficiente e eficaz do patrimonio”, co asesoramento técnico dos profesionais da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Pola súa banda, o presidente da Fegamp explicou que este acordo é o resultado da confianza posta nos concellos nun tema tan sensible como é o patrimonio cultural resaltando ademais que é un grande avance para xestionar de maneira máis áxil o eido patrimonial municipal.

O presidente da Fegamp explicaba que, aínda haberá que seguir solicitando autorización para determinadas actuacións, desde os concellos poderase agora dar luz verde a través deste convenio, a obras menores que axilizarán os tempos de execución e que manterán nun estado mellor de conservación o patrimonio cultural, paisaxístico ou etnográfico de Galicia.

Na xornada interviñeron o secretario xeral Técnico da Consellería, Jesús Oitavén Barcala, que explicou a organización administrativa do departamento de Patrimonio autonómico; a directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Ínsua que, falou da cuestión da descentralización e a Habilitación legal dos concellos prevista na Lei de Patrimonio; e os dous subdirectores que no seu momento interviñeron na redacción da nova norma patrimonial galega e que, a canda a directora, abordaron especificamente os temas das autorizacións e da Instrución 1/2017.

Comparte