Nova: Mursego trae a Escenas do Cambio un concerto contra os estereotipos racistas que rodean a inmigración

02/02/2018
Mursego trae a Escenas do Cambio un concerto contra os estereotipos racistas que rodean a inmigración
Maite Arroitajauregui interpretará temas do disco 100% Oion, que gravou implicando a veciños de Oion, en Euskadi
A artista confronta a través das súas composicións os prexuízos e rumores que rodean á inmigración e serven de base para que agrome o racismo
O concerto, que terá lugar no CGAC, forma parte do programa do festival Escenas do Cambio da Cidade da Cultura
Santiago de Compostela, 02 de xaneiro de 2018.- O festival Escenas do Cambio, organizado pola Cidade da Cultura, trae mañá a Santiago a Mursego, que ofrecerá un concerto no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) no que interpretará cancións compostas no marco dun proxecto social impulsado en Euskadi para confrontar os estereotipos, prexuízos e rumores que serven de base á xenofobia.
Mursego é o proxecto de Maite Arroitajauregui, investigadora e artista multiinstrumentista, con formación en música clásica e contemporánea. No concerto presentará 100% Oion, disco que ten a súa orixe nunha experiencia para loitar contra o racismo que xurdiu no pobo éuscaro de Oion.
Involucrando a oitenta veciños, moitos deles membros de asociacións de inmigrantes, Arroitajauregui xera un disco sobre a realidade que viven os seus habitantes, dando voz ás diferentes culturas e formas de vivir.
Mañá sábado, a compañía galega Voadora estreará en España Garage, unha peza na que explora o machismo no mundo do motor, cunha proposta na que sube a escena a traballadores reais do sector da automoción.
Unha peza sobre o dó
O festival continuará o domingo coa obra de Finir en beauté, do marroquí afincado en Francia Mohamed ‘El Kathib’, unha peza sobre o dó e as perdas persoais (a morte da nai), á vez que sobre a historia colonial francesa e o diálogo entre culturas.
A primeira semana do festival pecharase coa proposta dos italianos Daria Deflorian e Antonio Tagliarini con Reality. A obra está baseada no diario real dunha muller polaca que ao longo de máis de 50 anos escribiu 748 cadernos con todas as cousas que lle sucederon na súa vida cotiá: chamadas feitas e recibidas (38.196), onde e a quen lle dixo bos días (23.397) ou cantas citas tivo (1.922).
O programa do festival pódese consultar en www.escenasdocambio.org, desde onde se poden adquirir as entradas.