Nova: Todos os stands reservados e 1.800 persoas inscritas en Womex

21/09/2014

Todos os stands reservados e 1.800 persoas inscritas en Womex

A organización tivo que habilitar unha lista de espera ante a demanda de postos para a feira profesional no Museo Centro Gaiás (Cidade da Cultura de Galicia)

O luns día 22 póñense á venda 200 bonos para o público xeral, que poderá acceder por un prezo de 55 euros a todos os concertos de Womex-noite

Este evento internacional, a maior feira de ‘world music’ do mundo, deixará un retorno para Galicia de 2,5 millóns de euros e concentrará en Santiago máis de 300 artistas en 60 concertos distribuídos en 7 escenarios

  • Womex 2014 Womex 2014

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destaca o éxito de convocatoria do Womex 2014, que a día de hoxe ten acadado xa 1.800 persoas inscritas, procedentes de 75 países diferentes. Womex, a feira de ‘world music’ mais importante do mundo, celebrarase do 22 ao 26 de outubro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e na cidade de Santiago.

Segundo os datos aportados pola organización, a cifra de inscritos supera nun 5 por cento a acadada na edición do ano pasado en Cardiff (Reino Unido) nestas datas. As inscricións continúan abertas e Womex prevé recibir aínda un número importante procedente de público nacional, que tradicionalmente formaliza o seu rexistro nas últimas semanas.

O éxito da convocatoria ten o seu reflexo na feira profesional xa que están xa vendidos todos os stands que se instalarán no Museo Centro Gaiás, un total de 270 no que estarán representadas 600 empresas. A organización ten habilitado unha lista de espera ante a forte demanda que se está a rexistrar. Tamén neste caso a cifra de Womex Santiago supera nun 8 por cento a de Cardiff.

Retorno de 2,5 millóns
Ademais dos 1.730 inscritos está previsto que se despracen a Santiago 300 músicos de 40 países e 300 xornalistas. Sumados participantes, artistas, prensa e equipo da organización agárdase a visita de 2.500 persoas. En base ós datos das edicións anteriores, o evento deixará un retorno para Galicia de 2,5 millóns de euros.

Womex converterá Santiago na capital da ‘world music’ con 60 concertos en 7 escenarios diferentes, 22 conferencias, 17 xuntanzas de ‘networking’, festivais de cine etc. Con este evento, Galicia terá a posibilidade de acceder a un escaparate internacional para promover e pór en valor a súa cultura e, de xeito específico, a súa música.

Bonos para público xeral xa á venda
Desde mañá luns día 22 de setembro póñense a disposición do público xeral un total de 200 bonos para acceder a todos os concertos de Womex-noite. Por un prezo de 55 euros (máis gastos), as persoas portadoras destes bonos poderán acudir a 45 concertos e 5 sesións de DJ ao longo de tres días de programación: xoves 23, venres 24 e sábado 25 de outubro. Estarán á venda na billeteira electrónica http://entradas.abanca.com.

Os concertos terán un formato ‘showcase’ de 45 minutos de duración e celebraranse de forma simultánea en varios escenarios da zona monumental de Santiago: no Auditorio Abanca, no Teatro Principal, no Salón Teatro e nunha carpa que se instalará para este fin na praza da Quintana.

Comparte