Nova: Galicia réndelle tributo a María Victoria Moreno cunha ampla programación de ámbito literario, expositivo, deportivo e musical por todo o territorio

14/03/2018

Galicia réndelle tributo a María Victoria Moreno cunha ampla programación de ámbito literario, expositivo, deportivo e musical por todo o territorio

A Xunta, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura deseñaron un ambicioso conxunto de iniciativas para dar a coñecer a figura desta escritora e profesora que, malia non ser galega de nacemento, destacou polo seu labor a prol da lingua e da literatura galegas

Un dos eventos máis salientables é a exposición central itinerante das Letras, configurada como unha galería de retratos de personaxes e paisaxes dos libros da autora, que arrancará en Compostela a finais de abril e percorrerá outros dez concellos das catro provincias

O conselleiro Román Rodríguez cualificou a Moreno como unha das pioneiras da literatura infantil e xuvenil en Galicia

  • Vídeo coas declaracións do conselleiro de Cultura
  • Cartel do Día das Letras Galegas 2018 Cartel do Día das Letras Galegas 2018

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2018.- Co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado á escritora e profesora María Victoria Moreno, a Xunta de Galicia -a través da Consellería de Cultura-, a Real Academia Galega (RAG) e o Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa CRTVG, deseñaron un amplo programa de actividades que abranguen iniciativas no eido literario, expositivo, deportivo, empresarial e musical, entre outros, dirixidas a todos os públicos.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; xunto co presidente da RAG, Víctor Freixanes; o presidente do CCG, Ramón Villares; a directora adxunta ao director xeral da CRTVG, Rosa Vilas; e o viúvo da autora, Pedro Ferriol; presentaron esta mañá o conxunto de iniciativas que se levarán a cabo de aquí ata final de ano por toda Galicia e que terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio.

Román Rodríguez subliñou que a celebración deste ano é “especial” pola dobre dimensión “docente e literaria” de María Victoria Moreno, de quen destacou a súa traxectoria profesional e o seu compromiso co ensino. En palabras do conselleiro, trátase dunha programación “pensada para difundir e poñer en valor o legado lingüístico e literario da que é unha das pioneiras da literatura infantil e xuvenil de Galicia”, un eido clave pola súa importancia para a adquisición, competencia e uso da lingua propia. O titular de Cultura do Goberno galego puxo a María Victoria Moreno como exemplo de que “non hai límites para aprender un idioma”, xa que a súa chegada a Galicia na idade adulta non foi impedimento para lograr o máximo nivel de mestría e dominio do idioma.

Licenciada en Filoloxía Románica, María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 - Pontevedra, 2005), chegou a Galicia no ano 1963 como profesora. Unha década máis tarde, en 1973, publica Mar adiante, considerada unha das obras pioneiras da literatura infantil galega. Ata o seu pasamento, a escritora estivo comprometida co ensino da lingua e da cultura galegas. Cultivou a narrativa –nomeadamente a infantil e xuvenil–, o ensaio, a poesía, os estudos literarios e a didáctica da lingua e da literatura galegas.

Iniciativas de participación social e fomento da igualdade

Froito dun traballo transversal e colaborativo entre as institucións e a familia da autora, a programación prevista como homenaxe a María Victoria Moreno abrangue multitude de iniciativas de participación social e cultural, de fomento da igualdade e a integración, accións musicais e actividades no ensino, nos concellos e en toda a Rede de Bibliotecas Públicas.

Neste eido cómpre destacar a exposición central itinerante María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes; a V Carreira Camiño das Letras; as campañas institucionais impulsadas desde o ámbito empresarial en colaboración con Feiraco, Vegalsa-Eroski e Pousadas de Compostela; accións coa operadora Renfe nas estacións de nove localidades e nos trens Avant e MD dos corredores A Coruña-Santiago-Vigo/A Coruña-Santiago-Ourense; a iniciativa Eu conto, da Cidade da Cultura de Galicia, que partindo da obra Eu conto, ti cantas convidará a unha lectura participativa de textos de Moreno; o VIII Concurso de Carteis do Día das Letras (da biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela); ou o VII Festival Arte pola Igualdade, co que os coruñeses CEE Nosa Señora do Rosario, CEIP Eusebio da Guarda e CMUS Profesional lle renderán merecido tributo á anfitrioa das Letras 2018.

O próximo 16 de maio -véspera do día das Letras- terá lugar o Concerto das Letras, coa estrea dunha peza musical composta por Miguel Matamoro sobre un texto da autora pontevedresa de adopción. As actividades musicais complétanse con outro concerto no Castro de Viladonga, a carto do grupo Clave de Fado o propio día 17.

Exposición central conmemorativa e outras

No ámbito expositivo está prevista unha exposición central conmemorativa itinerante María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes -comisariada polo ilustrador e humorista gráfico David Pintor- que percorrerá 11 concellos das catro provincias para darlle a coñecer ao público xeral a obra literaria e a figura de Moreno.

Esta mostra -que se iniciará na última semana de abril en Santiago- está configurada como unha galería de retratos de personaxes dos libros da autora e de paisaxes onde María Victoria Moreno situou as historias das súas obras.

Ademais de convidar a descubrir a obra da autora a través de ilustracións dos seus libros, a exposición ofrece, así mesmo, unha pequena escolma do panorama da ilustración contemporánea en Galicia, da man de artistas como Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Beatriz Lema e Dani Padrón.

Logo de Compostela, a exposición viaxará a Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova.

Así mesmo, o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA); as bibliotecas públicas Miguel González Garcés (A Coruña) e Juan Compañel (Vigo); e o Museo Etnográfico de Ribadavia, acollerán mostras bibliográficas centradas na súa figura; así como obradoiros específicos para promover hábitos lectores a través de actividades de animación e participativas.

Propostas para o ámbito educativo e redes

En canto ao ámbito educativo, despregaranse por preto de 2000 puntos de Galicia e do exterior os proxectos escolares gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2018, no que participaron centros educativos de toda a Comunidade e as diferentes propostas que chegan da man dos equipos de dinamización da lingua galega (con recursos en liña accesibles desde o Portal da Lingua Galega, lecturas públicas, xincanas, raps...), entre outras. Celebrarase, ademais, a IV Xornada do Día das Letras Galegas dedicada a María Victoria, unha acción formativa destinada ao profesorado.

Así mesmo, estarán dispoñibles recursos en rede específicos arredor da figura de María Victoria Moreno, no portal de Bibliotecas Escolares de Galicia , no web da RAG, o Portal das Palabras e no web da CRTVG.

Comparte