Nova: Cultura investirá máis de 435.000 euros no acondicionamento do Mosteiro de Montederramo
14/03/2018
Cultura investirá máis de 435.000 euros no acondicionamento do Mosteiro de Montederramo
Tamén se acometerá a restauración da ponte Pedriña (Celanova) e da ponte de Casal (Entrimo)
O conselleiro de Cultura e Educación asinou os respectivos convenios de colaboración cos alcaldes de Montederramo, de Celanova e de Entrimo
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá preto de 600.000 euros en obras de mellora do patrimonio cultural na provincia de Ourense que atinxen ao Mosteiro de Montederramo, a ponte Pedriña en Celanova e a ponte do Casal en Entrimo.
O conselleiro Román Rodríguez, asinou hoxe os respectivos convenios de colaboración cos alcaldes de Montederramo, Antonio Rodríguez; de Celanova, José Luís Ferro; e de Entrimo, Ramón Alonso López; a través dos cales o departamento de Cultura se encarga de acometer as obras e os concellos poñen a disposición os terreos e inmobles necesarios para a execución das obras de restauración.
Mosteiro de Montederramo
Segundo o convenio asinado hoxe, a Consellería de Cultura investirá un total de 435.150 euros nunha serie de actuacións derivadas do plan director do Mosteiro de Montederramo encamiñadas a mellorar a accesibilidade a este ben.
Deste xeito, procederase ao acondicionamento da sancristía co renovado de instalacións, eliminación de humidades do terreo, restauración das carpinterías e mellora da ventilación e á restauración das plantas baixa e alta do claustro seglar. Nesta última incorporarase unha plataforma elevadora para garantir a accesibilidade ao coro.
Así mesmo realizaranse melloras no espazo da escaleira reglar, a limpeza de paramentos, da bóveda, a renovación de rexuntados, das carpinterías e nova instalación eléctrica e de iluminación.
No patio do claustro realizarase unha intervención no cumio da cuberta do patio para reducir o soleamento e mellorar a ventilación dese espazo no verán para evitar o efecto invernadoiro. Tamén se colocarán toldos e lonas móbiles para tratar convenientemente a radiación e a acústica do recinto. Na sala capitular realizaranse labores de limpeza e repaso dos paramentos e bóvedas, e renovaranse as instalacións e restauraranse as carpinterías. Finalmente colocarase un ascensor no vestíbulo que conecta os claustros e reordenaranse os aseos que existen nesa zona.
O mosteiro de Montederramo -que é monumento BIC desde o ano 1951- está composto por unha igrexa, dous claustros situados ao sur dela e as súas dependencias monacais.
Consolidación estrutural da ponte Pedriña en Celanova
No caso do acondicionamento da ponte Pedriña, en Celanova, a Consellería investirá un total de 130.000 euros na súa consolidación estrutural. Os traballos, que terán unha duración estimada de cinco meses, inclúen a limpeza da vexetación e un estudo xeotécnico que achegue datos sobre o tipo de terreo de asento e composición da cimentación do arco, co fin de deseñar a proposta de obras de consolidación e reparación máis axeitada. Así mesmo, restituirase o pavimento da calzada e os peitorís, e canalizaranse as tubaxes de servizos que están colgadas na ponte.
Incluída no Inventario de Pontes Históricas de Galicia, a ponte Pedriña, sobre o río Orille, une as parroquias de Orga e Mourillóns, no concello de Celanova. A fenda que presenta na súa bóveda fai necesaria unha actuación de consolidación da súa estrutura como a que agora se vai levar a cabo.
Reparación da ponte do Casal, en Entrimo
A terceira das actuacións refírese á ponte do Casal, en Entrimo. Segundo o convenio asinado hoxe co alcalde da localidade, Cultura achegará preto de 15.000 euros para reparar os danos na fábrica e a mellora da impermeabilización da calzada da ponte. Así, está prevista a reparación da cimentación das pilas e tallamares descalzados así como a reposición de pezas de cantería e o recheo do seu trasdós.
A ponte de Casal (tamén coñecida como ponte vella do Pacín) sobre o río Pacín, está situada no lugar de Casal, na parroquia de santa María a Real de Entrimo. A súa construción está datada entre os séculos XVIII e XIX, e está incluída no Inventario de Pontes Históricas de Galicia.
No seu día estivo protexida por uns peitorís de pedra que foron substituídos por unhas varandas de postes metálicos. A patoloxía que presenta afecta principalmente á punta do tallamar, xa que perdeu varias pezas na base e na súa coroación, e a densa vexetación que cobre a ponte tamén está danando a base das cepas; o que fai necesaria esta actuación.