Nova: Pesar polo pasamento de Carlos García Martínez, director do Museo do Pobo Galego e membro da RAG

17/03/2018
Pesar polo pasamento de Carlos García Martínez, director do Museo do Pobo Galego e membro da RAG
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2018.- A Xunta de Galicia amosa o seu pesar polo falecemento do director do Museo do Pobo Galego e membro correspondente da Real Academia Galega desde 1972, o compostelán Carlos García Martínez, e estende as condolencias á súa familia.
O Goberno galego quere facer un recoñecemento público da relevante achega de Carlos García Martínez á cultura e a sociedade galegas durante estas últimas décadas desde todas as institucións ás que estivo vinculado.
Da súa devoción e compromiso co país dan creto feitos como a súa participación como padroeiro fundador da Fundación Castelao, da Fundación Pedrón de Ouro, a súa actividade no seo da propia RAG durante máis de catro décadas e media e o feito de ter sido presidente do Consello Galego de Museos. García Martínez foi, así mesmo, membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, da comisión xestora do novo Seminario de Estudos Galegos e socio fundador da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, centro museístico xestionado pola Xunta de Galicia.
Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Martínez foi autor de importantes monografías e estudos sobre arqueoloxía, prehistoria, folclore e etnografía, ademais dun dos fundadores do Museo do Pobo Galego, institución que dirixiu desde 1999, tras o pasamento de Antonio Fraguas.