Nova: O CGAC convoca o primeiro premio galego de investigación e ensaio sobre arte contemporánea

03/04/2018

O CGAC convoca o primeiro premio galego de investigación e ensaio sobre arte contemporánea

Coincidindo coa celebración do seu 25 aniversario, o centro promove o certame para estimular o estudo e a produción de textos en galego sobre a materia

O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación do traballo gañador

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2018.- O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) pon en marcha o primeiro premio galego de investigación e ensaio sobre arte contemporánea. Estimular o estudo e a produción de textos sobre arte contemporánea e en lingua galega é o principal obxectivo do certame, cuxas bases se publican hoxe no Diario Oficial de Galicia, en https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180403/AnuncioG0164-220318-0002_gl.html

Coincidindo coa celebración, en 2018, do seu 25 aniversario, o centro de xestión autonómica, adscrito á Consellería de Cultura e Educación, bota a andar o I Premio CGAC, que está dirixido a calquera persoa física, maior de idade, que presente textos inéditos escritos en galego de acordo coa normativa vixente, en relación con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea. Os textos que se presenten serán de tema libre, sobre aspectos da arte contemporánea e terán un carácter divulgativo. A extensión dos orixinais abranguerá entre 150.000 e 450.000 caracteres, incluídos espazos.

Co fin de favorecer novas canles especializadas en Galicia para publicar textos sobre arte contemporánea, mediante esta convocatoria o CGAC pretende promover a investigación e a produción de pensamento sobre esta materia en lingua galega e apoiar así a creación nesta lingua.

O ensaio gañador será premiado con 3.000 euros e tamén será publicado en forma de libro dentro dalgunha das coleccións que conforman a liña editorial do CGAC. O prazo de presentación de solicitudes comezará mañá mércores e rematará o próximo 15 de xuño.

Para a valoración dos textos constituirase un xurado formado por un máximo de seis membros e presidido pola persoa titular da dirección do CGAC, un representante dunha editorial, tres personalidades de recoñecido prestixio do medio artístico-literario e un/unha secretario/a, con voz e sen voto, elixido entre o persoal ao servizo do centro. Os membros do xurado serán designados pola persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura.

Comunicación social das artes plásticas

Coa posta en marcha deste premio, o CGAC avanza no seu obxectivo de promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións e de favorecer a comunicación social das artes plásticas. Con este fin, o centro vén desenvolvendo un importante traballo editorial no eido da arte contemporánea, recollendo e documentando tanto as súas actividades e exposicións como a súa colección.

 

Comparte