Nova: Venres nas Librarías, novo programa de dinamización do libro e da lectura

23/09/2014

Venres nas Librarías, novo programa de dinamización do libro e da lectura

Esta nova iniciativa de fomento do libro e da lectura desenvolverase todos os venres durante os meses de outubro e de novembro

A campaña tamén contará cunha vertente nas redes sociais, nas que cada semana se abrirá un concurso de pistas para a descuberta dun libro galego
 

  • Vídeo coas declaracións do conselleiro de Cultura
  • Cartel de 'Venres nas Librarías' Cartel de 'Venres nas Librarías'
  • Presentación do programa 'Venres nas Librarías' Presentación do programa 'Venres nas Librarías'
  • Presentación do programa 'Venres nas Librarías' Presentación do programa 'Venres nas Librarías'
  • Presentación do programa 'Venres nas Librarías' Presentación do programa 'Venres nas Librarías'
  • Presentación do programa 'Venres nas Librarías' Presentación do programa 'Venres nas Librarías'

Santiago, 23 de setembro de 2014.- As consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía e Industria da Xunta de Galicia, xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores (AGE), presentaron esta mañá Venres nas Librarías, un programa de actividades para este outono coas que promover o encontro dos lectores e lectoras cos novos títulos do mercado editorial galego e os seus autores e autoras no espazo das librarías.

“Para a consecución dunha mellora progresiva dos índices de lectura e para outorgarlle ao libro o papel central que debe ocupar na nosa sociedade”, o titular de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, referiuse á importancia de establecer “programas coordinados entre os diferentes axentes que favorezan a dinamización do libro e da lectura entre o conxunto da cidadanía”.

Na rolda de prensa participaron, así mesmo, a directora xeral de Comercio, Sol Mª Vázquez; a presidenta da Asociación Galega de Editores, Laura R. Herrera; a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; e a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal.

“Unha tarde de venres compartida arredor dun libro”
Con este obxectivo nace esta nova iniciativa de fomento do libro e da lectura, que ten como protagonistas títulos galegos publicados ao longo do último ano e que se desenvolverá todos os venres durante os meses de outubro e novembro deste ano. Neste sentido, o programa propón “unha tarde de venres compartida arredor dun libro” e “pon o seu foco nos establecementos dedicados á venda e promoción do libro como punto de referencia para os lectores”, afirmou o conselleiro, que se referiu ás librarías como “un axente cultural indispensable para a consolidación do tecido cultural galego”.

Novo pulo para o sector do libro
Segundo explicou Vázquez Abad, “a converxencia de esforzo dos editores cos autores, cos libreiros, coa cidadanía lectora que acuda a cada unha destas citas literarias, e o labor conxunto de difusión co que imos acompañar este programa as institucións públicas permitirán abrir este outono cun novo pulo para o sector do libro e para a promoción da lectura”.

Andel do agasallo: concurso de libros nas redes sociais
Nese sentido, a campaña tamén contará cunha vertente nas redes sociais de Cultura, en Facebook e Twitter, nas que cada semana se abrirá un pequeno concurso de pistas para a descuberta dalgún libro galego, co que se agasallará o lector ou lectora que o descubra. Para participar neste concurso, Andel do agasallo, en @conscultura co hashtag #andeldoagasallo e na páxina www.facebook.com/CulturaGalegaXunta iranse facilitando pistas para adiviñar de que libro se fala cada semana nas redes.

A rolda de prensa de presentación de Venres nas Librarías, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, tamén contou coa participación da presidenta da Asociación Galega de Editores, Laura Rodríguez; da presidenta e do vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez e Antón Pedreira, respectivamente; e mais da subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal.

Libros e librarías
Os asociados da AGE son os encargados de elaborar a proposta de libros, de acordo cos autores e autoras, que forman parte da primeira edición do programa, no que poden participan librarías de todo o territorio da Federación de Librarías de Galicia.

O calendario do programa, que inclúe un total de 15 títulos de Edicións Xerais, Edicións Embora, Hércules de Ediciones e Tosoxoutos, chegará nas vindeiras semanas aos concellos de Lalín, Vigo, A Coruña, Moaña, Ourense, Santiago de Compostela, Narón e Lugo a través das librarías Vagalume, Casa do Libro, Cartabón, FNAC, O Pontillón, Andel, La Región, Pedreira, Librouro, Day e Trama,

“Esperamos que estes vindeiros venres nas librarías –concluíu Vázquez Abad– sexan unha cita xa ineludible, que nos axuden a dar a coñecer as novidades editoriais que se presentan en Galicia cada ano e, sobre todo, que animen as lectoras e os lectores á lectura destes novos títulos e de achegarse con frecuencia aos andeis das librarías”.
 

Comparte