Nova: Sarabela Teatro estrea tempada con ‘Pequenas certezas’

23/09/2014

Sarabela Teatro estrea tempada con ‘Pequenas certezas’

Ánxeles Cuña Bóveda dirixe a peza orixinal da mexicana Bárbara Colio cun elenco integrado por Fernando Dacosta, Elena Seijo, Nate Borrajo, Sabela Gago e Fina Calleja

  • Cartel de 'Pequenas certezas' Cartel de 'Pequenas certezas'

Ourense, 23 de setembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na presentación de ‘Pequenas certezas’, o último espectáculo producido pola compañía galega Sarabela Teatro, que se estrea mañá mércores 24 de setembro no Auditorio Municipal de Ourense. A montaxe, realizada a partir da obra da autora mexicana Bárbara Colio e con dirección de Ánxeles Cuña Bóveda, obtivo para o seu financiamento 45.000 euros das subvencións á produción escénica convocadas este ano a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

En representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria interveu no acto o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen explicou este apoio ao traballo da compañía ourensá como resultado da adxudicación da devandita liña de axudas a un total de 26 montaxes e coa que se pretende o impulso da actividade de creación escénica galega en todos os seus formatos e estilos.

Sutil, que compartiu a presentación coa directora do espectáculo, Ánxeles Cuña, e coa concelleira de Cultura de Ourense, Ana Garrido, recoñeceu a traxectoria “longa e consolidada” de Sarabela a prol da escena galega e augurou que a súa nova achega sobre as táboas “revalidará a súa posición no mellor e máis activo do noso teatro”.

Estrutura con proxección
Referiuse tamén a todo o equipo da compañía como unha estrutura de traballo en si mesma dentro do panorama escénico galego “con epicentro en Ourense, onde Sarabela soubo labrarse uns fortes vínculos de relación coa cidadanía máis próxima, e con ambición e proxección no resto de Galicia e fóra dela”. “Así o testemuña a ampla actividade ás súas costas, chea de éxitos, tanto na produción artística estrita como en moitas iniciativas de dinamización cultural e de promoción teatral acometidas pola compañía”, declarou.

‘Pequenas certezas’ está interpretada por Fernando Dacosta, Elena Seijo, Nate Borrajo, Sabela Gago e Fina Calleja (habituais nos elencos de Sarabela); e conta con Suso Montero para o deseño de escenografía, con Baltasar Patiño para o deseño de iluminación e con Marta Anta para o deseño de vestiario.

A obra escrita pola mexicana Bárbara Colio, Premio Internacional María Teresa León para Autoras Dramáticas en 2004 e apoiada polo fondo Iberescena de Creación Dramática 2011, é presentada como “unha historia de cruzamentos, suspense e humor”. A trama explora a situación que se crea coa presenza de alguén a través da súa ausencia: Mario desaparece e, na súa busca, familiares e amigos atopan que as versións de cada un deles en torno á mesma persoa son distintas e ás veces contrapostas.

A estrea será mañá mércores ás 20.30 horas no Auditorio Municipal de Ourense, onde se ofrecerán outras dúas funcións: xoves 25, tamén ás 20.30, e venres 26, ás 23.00 horas.

Comparte