Nova: Aberto o prazo de candidaturas para os Premios Martín Códax da Música

24/09/2014

Aberto o prazo de candidaturas para os Premios Martín Códax da Música

Promovidos pola asociación Músicos ao Vivo establece un total de 15 categorías musicais e a creación dos Premios Organistrum dirixidos a salas, festivais e espazos de comunicación musical

O nome dos gañadores deste ano darase a coñecer o 17 de decembro en Pontevedra no transcurso dunha gala dirixida pola compañía de teatro Chévere
 

  • II Premios Martín Códax da Música II Premios Martín Códax da Música

Santiago, 24 de setembro de 2014.- A segunda edición dos II Premios Martín Códax da Música abre hoxe o prazo de recepción das propostas que optarán a un total de 18 modalidades convocadas. O nome dos gañadores darase a coñecer no transcurso dunha gala que terá lugar o 17 de decembro en Pontevedra.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria renova a súa contribución económica á organización deste evento no marco do convenio asinado o pasado mes de maio con Músicos ao Vivo, promotora da convocatoria, e seguindo a liña de traballo conxunto de ambas as entidades no ámbito da promoción e potenciación da industria musical.

En nome da Consellería, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mailo director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, participaron hoxe na presentación da nova edición destes premios galegos da música. No acto, celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, tamén interviñeron Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra; María Garrido, directora de Marketing de Adegas Martín Códax; e Xacobe Martínez Antelo, voceiro de Músicos ao Vivo.

Programa xeral de apoio ao sector
Ambos os representantes de Cultura e Educación inscribiron a implicación da Xunta de Galicia nesta iniciativa dentro do seu programa xeral de apoio a este sector e, en especial, dentro daquelas accións directas ou de colaboración que permiten abrir novas canles para impulsar o recoñecemento e a proxección social da produción musical galega. Neste sentido, destacaron iniciativas como a programación de concertos nas redes de espectáculos da Agadic, as subvencións para a distribución dentro e fóra de Galicia, o plan de acción exterior a través do que se apoia a presenza galega na principais feiras internacionais, o mantemento na internet da plataforma promocional GalicianTunes ou a próxima celebración en Galicia de Womex 2014, que do 22 ao 26 de outubro reunirá en Santiago de Compostela artistas, axentes musicais e medios de comunicación especializados de todo o mundo.

No caso concreto dos Premios Martín Códax da Música, o apoio da consellería foi cualificado como estratéxico polo secretario xeral de Cultura ao considerar que se trata dun certame necesario e inclusivo. Anxo Lorenzo felicitou aos organizadores e colaboradores do certame, ao tempo que amosou a súa vontade de continuar colaborando con esta iniciativa.

Pola súa banda, o director da Agadic destacou que este tipo de iniciativas destinadas a reforzar a visibilidade social da música non só como sector artístico, senón tamén como sector produtivo, son indispensables para a consolidación do seu papel como un dos principais motores das industrias culturais galegas.

A segunda edición desta convocatoria volve dirixirse a todos os proxectos musicais galegos vixentes e en activo en 2014, que poden inscribirse ata o 19 de outubro a través da web www.premiosmartincodaxdamusica.com. Cada proposta poderá optar a unha das 15 categorías musicais a concurso, cunha nova modalidade de ‘Canción de Autor’ e outra de ‘Rock’ diferenciada da de ‘Blues, Funk e Soul’. Ademais, créanse tres novos recoñecementos á mellor sala, ao mellor festival e ao mellor espazo de comunicación musical baixo o título ‘Premios Organistrum’, en referencia a un dos instrumentos que aparecen no Pórtico da Gloria. Volverá outorgarse, ademais, o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo á traxectoria do/a músico/a que elixa a devandita asociación en asemblea extraordinaria.

Agás no caso deste galardón honorífico, que se fará público o 20 de outubro, o resto dos premiados coñecerase o día 17 de decembro durante a gala de entrega que, como o ano pasado, dirixirá e conducirá a compañía teatral Chévere no Pazo da Cultura de Pontevedra. Antes, o 26 de novembro, revelarase o nome dos tres proxectos finalistas en cada unha das categorías, de xeito que –no caso concreto das modalidades por estilos musicais– se dará visibilidade a 45 proxectos musicais galegos actuais e en activo.

Os Premios Martín Códax da Múisca naceron en 2013 co obxectivo de recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas, así como de descubrir novos talentos e de achegar a música e o seu proceso de produción ao público. Nesa primeira edición, a convocatoria abriuse a un total de 13 categorías a concurso para as que en tan só un mes se recibiron 521 propostas. Entre os galardoados atopábanse nomes tan coñecidos como Berrogüetto, Narf, Eladio y Los Seres Querios, Treixadura, Mamá Cabra ou Abe Rábade, entre outros. Como o ano pasado, os gañadores recibirán as estatuíñas dos ‘Melómanos’, figuras oficiais dos Premios deseñadas polo artista galego Víctor Lorenzo.

Comparte