Nova: O CGAC acolle a danza vangardista De corpo en lugar

24/09/2014

O CGAC acolle a danza vangardista De corpo en lugar

Organizada por trasPediante Cultura, a programación inclúe performances, obradoiros de artista e presentacións de investigadores para afondar nas relacións entre movemento, corpo e espazo público

 

  • De Corpo en lugar De Corpo en lugar
  • O director da Agadic na presentación do espectáculo O director da Agadic na presentación do espectáculo
  • O director da Agadic na presentación do espectáculo O director da Agadic na presentación do espectáculo
  • O director da Agadic na presentación do espectáculo O director da Agadic na presentación do espectáculo

Santiago, 24 de setembro de 2014.- Novas propostas no ámbito da danza e do movemento teñen lugar no festival “De corpo en lugar. Artes vivas no museo”. Organizado por trasPediante Cultura baixo a dirección de Begoña Cuquejo e Ania González, a iniciativa desenvolverase os días 25 e 27 de setembro, e o 1, 2 e 3 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

O CGAC tamén foi o escenario, esta mañá, da presentación do programa, que contou coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; do director do CGAC, Miguel von Hafe; das directoras do festival e mais do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou do proxecto a reflexión que propón “sobre a experimentación do movemento do corpo no espazo público, a través dun programa de formación artística e tamén dunha serie de performances abertas ao público”.

O director da Agadic introduciu o acto desde o compromiso da Consellería coa difusión das artes do movemento en calquera das súas manifestacións, motivo polo que explicou que participan nesta iniciativa a Secretaría Xeral, atendendo á súa finalidade de dinamización cultural en todos os ámbitos e para toda a cidadanía; o CGAC, como espazo de relación e de acollida de calquera manifestación viva da arte actual e das inquietudes dos nosos creadores; e a Agadic, como organismo destinado ao fomento das empresas e produtos culturais galegos, “entre eles, por suposto, os que teñen a danza por obxecto”, expresou.

Exploración de novos camiños
O apoio á iniciativa enmarcouno Anxo Lorenzo na aposta do Goberno galego por “favorecer a creación de espazos e iniciativas que exploren camiños novos no campo das artes escénicas e dos seus discursos, que nos permitan establecer diálogos profesionais desde Galicia co que se está a facer noutras partes de Europa e do mundo; e, ao mesmo tempo, ofrecerlle ao público galego a oportunidade de ver estas propostas menos convencionais nos nosos espazos públicos”.

Movemento, corpo e espazo público
Co obxectivo de fortalecer a continuidade entre a danza contemporánea e a acción performativa, a actividade propón un programa que inclúe performances, obradoiros de artista e presentacións de investigadores para afondar nas relacións entre movemento, corpo, produción do espazo público e procesoso instituíntes.
O proxecto trata de articular un dispositivo que lles dea visibilidade ás artes vivas no museo e a creación dun contexto que posibilite o pensamento, a investigación e o discurso arredor da performance. Un programa que consta de dous ciclos temáticos: a parainstitucionalidade e o movemento, por un lado, e o corpo e a potencia, polo outro.
Estrea en Galicia
No primeiro ciclo presentarase, por primeira vez en Galicia, o Ministerio de Asuntos do Movemento de Austria (BMfB), unha performance do colectivo Nadaproductions que, baixo o slogan ‘Vai e fala co teu goberno’, promove a creación de novas formas de institucionalidade con recoñecemento legal.

Ademais, a performer austríaca Amanda Piña dirixirá o obradoiro ‘O corpo político / a coreografía no ámbito da desobediencia corporal. En paralelo desenvolveranse as xornadas Procesos instituíntes na praxe artística actual dirixidas pola crítica cultural Ania González e o artista sonoro e programador Horacio González.

No segundo ciclo terá lugar un obradoiro dirixido pola artista turca Ayse Orhon destinado a estudantes, profesionais das artes e a calquera persoa interesada no tema proposto.

Inscrición para os obradoiros
Todas as actividades do festival son abertas e gratuítas ao público, agás os obradoiros, que precisan inscrición previa. As persoas interesadas poderán atopar toda a información na páxina web do CGAC e de Cultura.

Comparte