Nova: O CCG celebra os XVI Encontros para a Normalización Lingüística
24/09/2014
O CCG celebra os XVI Encontros para a Normalización Lingüística
Son un foro anual de información, debate e proposta para os profesionais da dinamización da lingua
O secretario xeral de Política Lingüística participou na sesión inaugural desta nova edición
Santiago, 24 de setembro de 2014.- O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, Valentín García Gómez, asistiu esta tarde á inauguración da XVI edición dos Encontros para a Normalización Lingüística que, como cada ano, organiza o Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega (CCG).
García Gómez salientou o papel deste foro de referencia para os profesionais da dinamización da lingua galega. “Desde hai dezaseis anos, os Encontros son o espazo privilexiado para a formación permanente dos técnicos de normalización e o debate de altura arredor das políticas lingüísticas”, indicou, “e este 2014 en particular, en que se fan 10 anos da aprobación do Plan xeral de normalización da lingua galega, cómprenos parar a reflexionar dunha maneira máis demorada sobre o camiño andado e o que nos queda por facer”.
Contraste de políticas lingüísticas
Os Encontros pola Normalización Lingüística que se inauguraron hoxe queren ser foro de debate que permita contrastar as distintas evolucións sociolingüísticas e glotopolíticas de catalán, galego e vasco –linguas recoñecidas como cooficiais nas súas respectivas comunidades- e mais asturiano –lingua sen recoñecemento oficial. Tamén persegue a reflexión sobre distintos aspectos da política lingüística do Estado en relación co seu multlilingüismo interno e de Europa en relación coas linguas non estatais e de inmigración.
Para abordar estes asuntos, a sesión desta tarde contou coa participación de Miquel Pradilla –que abordou o caso catalán-, Patxi Baztarrika –que se ocupou do vasco- e David Guardado –quen disertou sobre o asturiano. Estas intervencións completaranse, o xoves pola tarde, coas de Xaime Subiela, que se ocupará do galego, e Hector Silveiro, que falará do galego estremeiro. Ademais, mañá pola mañá está prevista a participación de Francisco Caamaño, de Andrés Barrera e de Iago Martínez na mesa redonda “O plurilingüismo no Estado Español: a cultura cívica”; a de Carmen Juyent e Antía Pérez para falar de “As linguas de inmigración: integración e plurilingüismo”; así como a de Alba Nogueira e Carmen Alén, que se ocuparán de “As linguas de Europa”. Os Encontros pecharanse coa proxección do documental Fronteiras.
Colaboración co Consello da Cultura Galega
A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, formou parte da comisión organizadora dos XVI Encontros de Normalización Lingüística. Ademais, mantén un marco estable de colaboración co Consello da Cultura Galega en materia de promoción da lingua propia de Galicia desde o ano 2010 plasmado actualmente nun convenio entre ambas as institucións.