Nova: O Gaiás reunirá un milleiro de artistas de toda Galicia para celebrar a próxima declaración BIC do baile tradicional

26/04/2018

O Gaiás reunirá un milleiro de artistas de toda Galicia para celebrar a próxima declaración BIC do baile tradicional

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inicia os trámites para a declaración do baile galego tradicional como Ben de Interese Cultural (BIC) coa publicación no DOG da incoación do expediente

Para celebralo, o Serán_01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional reunirá no Gaiás durante tres días a todo o sector do folclore galego nun encontro con máis de 40 espectáculos

Na presentación do encontro, Román Rodríguez destacou que este procedemento servirá para dotar a esta manifestación cultural do recoñecemento e protección que merece como mostra sobranceira do patrimonio inmaterial galego

 

  • Baile tradicional Baile tradicional

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2018.- Serán_01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional reunirá na Cidade da Cultura entre o 8 e o 10 de xuño a todo o sector do folclore galego, desde artistas e agrupacións de música, canto e baile tradicional a integrantes de sectores relacionados a nivel artístico, técnico ou artesanal. O encontro contará con máis de 40 actuacións e ata un milleiro de artistas nun evento cultural de primeira orde, onde se amosará toda a nosa riqueza etnográfica, folclórica e creatividade tradicional, tanto amadora como profesional.

O Serán_01 foi presentado hoxe nunha rolda de prensa celebrada no Xardín Literario da Cidade da Cultura, no mesmo día no que o Diario Oficial de Galicia publica a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola que se incoa o expediente para declarar ben de interese cultural (BIC) do patrimonio inmaterial o baile tradicional galego. No acto de presentación, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou que Serán_01 nace para celebrar esta próxima declaración que “servirá para dotar a esta manifestación cultural do recoñecemento e protección que merece como mostra sobranceira do noso patrimonio inmaterial”. Pode consultarse toda a información sobre a tramitación a través da seguinte ligazón do DOG.

Neste sentido, explicou o titular de Cultura, “este encontro debe ser un paraugas que dea acubillo e poña de relevo todas as iniciativas que xorden no seo da cultura asociativa de base popular”. Non en van, continuou, “o primeiro contacto coa cultura para moitos de nós foi a través das asociacións que se dedican a promover, estudar e recuperar as nosas manifestacións folclóricas e calcúlase que unhas 40.000 persoas desde nenas e nenos ata maiores forman parte de agrupacións folclóricas dentro e fóra de Galicia”. “Porque a nosa cultura popular é unha cultura viva”, finalizou Rodríguez.

O acto de presentación de Serán_01 contou tamén coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira Otero; e o director artístico do Serán_01, o coreógrafo, investigador, intérprete e docente no ámbito da música e a danza tradicional galega, Henrique Peón. Peón destacou que “estamos nun momento histórico, por unha banda porque imos poñer os medios para que o noso baile tradicional se coide e se protexa e segundo porque o imos celebrar ao grande, cunha fin de semana chea de actividades, música, baile e moito baile”. O director artístico do Serán_01 quixo agradecer tamén á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, “e en nome de todo o folclore galego, o apoio e a sensibilidade cara a un sector que ven demostrando un amor incondicional a Galicia e ás súas tradicións que nos definen como pobo”, finalizou.

O acto estivo arroupado coa presenza de medio cento de artistas e directivos pertencentes a agrupacións folclóricas de toda Galicia, finalizando cunha interpretación musical onde catro parellas de baile, ataviadas con traxes das catro provincias galegas, interpretaron unha muiñeira empregando voltas e puntos das distintas comarcas, amosando deste xeito a riqueza e variedade deste baile tradicional.

 

Mostra e celebración do noso patrimonio inmaterial

O nome deste I Encontro Galego de Cultura Popular, ‘serán’, é un dos termos cos que se denominaban ás ruadas, foliadas e fiadeiros, as xuntanzas dos veciños nas aldeas e vilas, realizadas varios días á semana despois do traballo, precisamente ao caer da tarde. Os seráns ou ruadas foron clave na supervivencia e transmisión, ao longo de distintas xeracións, da cultura popular e o folclore tradicional galego.

Do mesmo xeito, Serán_01 xorde con vocación de ser un verdadeiro evento social dirixido a todo tipo de público, xa sexa parte activa do sector da música e o baile tradicional ou non, contribuíndo tamén a dar a coñecer as nosas artes e patrimonio inmaterial. Ao longo dos tres días, a Cidade da Cultura acollerá múltiples actividades, todas relacionadas coa cultura popular e a danza e a música tradicional. O programa inclúe desde espectáculos e actuacións musicais, a contidos formativos, obradoiros infantís, ademais dunha zona de mercado e exposicións ou desfiles de traxes tradicionais.

 

Coros, feira, desfile do traxe... e unha gran foliada

Entre os espectáculos máis destacados do Encontro estará o ‘Foliadón’, unha gran foliada, que ao longo de cinco horas reunirá a centos de artistas sobre o escenario. Na festa actuarán man a man desde artistas galegos consagrados, a grupos de música e baile tradicional e informantes –persoas procedentes de aldeas de toda Galicia, auténticos transmisores da nosa cultura tradicional–.

O programa inclúe tamén un Festival Folclórico no que participarán moitos dos mellores grupos de baile tradicional de Galicia; un Concerto de Coros Históricos coa participación de Toxos e Flores (Ferrol) e De Ruada (Ourense); un Desfile do Traxe, con traxes tradicionais antigos e reconstrucións fieis á tradición procedentes das distintas comarcas galegas; ou unha feira con stands de todo o sector vinculado á cultura popular: artesáns do tecido, da confección, do calzado, da ourivería, de instrumentos tradicionais, asociacións e federacións, organización de festivais, empresas de servizos etc.

Comparte