Nova: 'As fabas máxicas' e 'Os Bolechas e o Sabichón' pechan as súas exitosas xiras en FalaRedes

25/09/2014

'As fabas máxicas' e 'Os Bolechas e o Sabichón' pechan as súas exitosas xiras en FalaRedes

Cabana de Bergantiños, Curtis, Dumbría e Toques acollen desde hoxe as últimas funcións da peza de Caramuxo Teatro, que desde o pasado mes de abril chegou a 28 concellos da Rede de Dinamización Lingüística

O concurso dos Bolechas fará parada en Fisterra, Oroso, Bergondo e Sobrado, concluíndo o domingo en Mesía unha xira que o levou a 57 vilas de toda Galicia
 

  • As fabas máxicas As fabas máxicas
  • Os Bolechas e O Sabichón Os Bolechas e O Sabichón

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2014.- As propostas de lecer infantís 'As fabas máxicas' e 'Os Bolechas e o Sabichón' despiden esta semana en nove concellos da Coruña as súas exitosas xiras no marco do FalaRedes 2014, o programa de fomento do galego promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística co que visitaron un total de 85 vilas de toda Galicia.

Tras facer parada esta mesma mañá en Cabana de Bergantiños, a peza de Caramuxo Teatro chegará mañá a Curtis, ás 18 h no Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro; o sábado a Dumbría, ás 17 h no Auditorio, e o domingo a Toques, ás 11:30 h no Albergue do Concello (antiga escola).

Será esta a última función da obra de teatro 'As fabas máxicas' que, da man do FalaRedes, visitou desde o pasado mes de abril 28 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, os seis últimos en setembro grazas á colaboración da Deputación da Coruña, en virtude da súa participación na RDL.

Pola súa banda, a xente miúda de Fisterra poderá participar mañá, ás 19 h no Salón de Actos Municipal, no divertido concurso 'Os Bolechas e o Sabichón', que o sábado aterrará en Oroso e Bergondo, con pases ás 12 h no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa e ás 18 h no Edificio A Senra, respectivamente. Xa o domingo, o aplaudido espectáculo dinamizador despedirase da cativada nos concellos de Sobrado e Mesía, ás 12 h no Pavillón Polideportivo do primeiro e ás 18 na Casa da Cultura do segundo.

Coas actuacións desta semana, a actividade de Bolanda Edicións conclúe o seu percorrido en exclusividade por 57 vilas en colaboración coas deputacións provinciais da Coruña e de Pontevedra. Destinados aos nenos e nenas e ás súas familias, tanto 'As fabas máxicas' coma 'Os Bolechas e o Sabichón' conquistaron desde un principio o público familiar e fixeron as delicias dos cativos e cativas, que a través de ambos os dous espectáculos de monicreques se achegaron ao galego de xeito lúdico e divertido.

Concerto de fados
Quen tamén continúa de xira no marco do FalaRedes 2014 é o concerto de fados en galego 'Os sons do vento que pasa', que este domingo fará parada na localidade pontevedresa de Campo Lameiro, cuxa veciñanza poderá gozar ás 20:30 h na Praza da Casa do Concello da orixinal actuación de Gonçalo Guerreiro e Dani Pais.

Dirixida ao público en xeral, esta proposta de lecer en galego seguirá de xira ata finais de ano, chegando en outubro a Curtis, Bóveda, Noia, Lousame, Outes e Oleiros, en novembro a Verín, Foz e Cuntis e en decembro, a Arzúa.

FalaRedes 2014
Ata finais de ano, FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL a través de cinco actividades con 150 sesións gratuítas, xa que a entrada sempre é de balde ata completar a capacidade das salas.

Completan a programación desta terceira edición do programa o concerto Toc Toc e a xincana Augalingua, que xa concluíron con grande éxito as súas respectivas xiras.

Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

Comparte