Nova: A mostra Nimbos de luz chega á Biblioteca Nodal de Lugo
26/09/2014
A mostra Nimbos de luz chega á Biblioteca Nodal de Lugo
A mostra completará, no terceiro trimestre do ano, o seu percorrido por 15 localidades galegas con paradas na cidade de Ourense e tamén na Rúa, en Cee e en Celanova
Lugo, 26 de setembro de 2014.- A mostra itinerante ‘Nimbos de luz’ estará ata finais de mes en Lugo. Unhah exposición coa que a Xunta de Galicia difunde a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado coas Letras Galegas 2014. A traxectoria vital e profesional do poeta e tradutor de Guitiriz centran a exposición, que foi inaugurada esta mañá na Biblioteca Pública Nodal polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
A mostra, comisariada por Alfonso Blanco Torrado, por Luís González Tosar e por Armando Requeixo, permítelle ao público achegarse á figura de Xosé María Díaz Castro por medio de 14 paneis temáticos que fan un percorrido pola vida e pola obra do poeta. O proxecto expositivo compleméntase coa proxección do documental ‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo, que afonda na figura do escritor de Guitiriz co obxectivo de dar a coñecer a súa traxectoria vital e literaria, e compleméntase con folletos ilustrativos nos que se reflicte o contido da mostra.
No acto de inauguración acompañaron o secretario dous dos comisarios da exposición, Armando Requeixo e Alfonso Blanco Torrado, amais da directora da biblioteca e da xefa territorial da Consellería en Lugo.
Percorrido por toda Galicia
Logo do seu paso por Guitiriz, Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Estrada, Redondela, Vilagarcía de Arousa, Mondoñedo e A Coruña, a mostra pódese visitar ata o 30 de setembro na Biblioteca Pública Nodal de Lugo.
No seu percorrido polas catro provincias galegas ao longo deste ano, que comezou en Guitiriz, terra natal do poeta, o pasado 19 de febreiro, coincidindo co centenario do seu nacemento, a exposición chegará en outubro á provincia de Ourense, con paradas nesta cidade (na que se poderá ver na Casa da Xuventude do 2 ao 16) e na Rúa (na Casa da Cultura do 18 ao 3 de novembro). Rematará a súa andaina no derradeiro mes do ano en Celanova, do 16 ao 30 de decembro, logo de facer parada no concello coruñés de Cee do 1 ao 14 de decembro.
Con motivo da celebración das Letras Galegas 2014, a Xunta de Galicia promoveu un completo programa de actividades para contribuír a dar a coñecer entre a cidadanía a figura e a obra de Díaz Castro, así como para poñer en valor o seu legado literario. A exposición ‘Nimbos de luz’ é unha das iniciativas centrais desta programación, no que tamén se inclúen distintas edicións conmemorativas, estudos críticos, traducións e versións bilingües ao éuscaro, inglés e ruso, materiais audiovisuais, unha web monográfica, así como actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e de promoción e difusión da obra de Díaz Castro nas bibliotecas de Galicia.