Nova: Mostra bibliográfica e documental sobre o Padre Feijoo no Gaiás
26/09/2014
Mostra bibliográfica e documental sobre o Padre Feijoo no Gaiás
A Biblioteca e Arquivo de Galicia acolle desde hoxe e ata o vindeiro 26 de outubro a exposición ‘O ronsel dun sabio’, que difunde e pon en valor o legado desta figura clave da Ilustración cando se cumpren 250 anos do seu pasamento
Santiago, 26 de setembro de 2014.- ‘O ronsel dun sabio’ é un proxecto bibliográfico e documental sobre a vida e obra do Padre Feijoo que se pode visitar desde hoxe e ata o vindeiro 26 de outubro na Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura.
A mostra, que foi presentada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, no día en que se cumpren 250 anos do pasamento do Padre Feijoo, enmárcase na programación que a Xunta de Galicia promove con motivo desta efeméride, “co obxectivo de divulgar e de poñer en valor o legado do ilustre polígrafo”.
Para iso, a exposición consta de reproducións e orixinais de oito documentos e 29 libros que se artellan en dúas seccións. A primeira delas, Feijoo e o seu século, inclúe gravados do intelectual e da súa casa natal, no Pereiro de Aguiar; e a súa obra máis coñecida, o ‘Theatro critico universal’, xunto coa crítica coetánea e a conseguinte defensa que dela se fixo, da autoría de Salvador José Mañer e de Frei Martín Sarmiento, respectivamente. Tamén incorpora obras do Padre Feijoo como as ‘Cartas eruditas, y curiosas’ e os índices e compilacións da súa obra.
Feijoo máis alá do seu tempo
O eixo da segunda sección é Feijoo máis aló do seu tempo e céntrase no rexurdir do interese pola súa obra na segunda metade do século XIX. O pensador será obxecto de homenaxes, antoloxías e estudos, e tamén fonte de inspiración. Moitas das pezas deste apartado xiran arredor das homenaxes que lle renderon na cidade de Ourense nas décadas dos setenta e oitenta do XIX, coa celebración dun certame literario e a inauguración dunha estatua. Entre os estudos que se propoñen sobre o autor nesta parte da mostra destacan os de Gregorio Marañón, Otero Pedrayo, Curros Enríquez e Eduardo Blanco Amor.
Na biblioteca dixital de Galicia
Segundo explicou o secretario xeral, como complemento á acción divulgativa desta mostra, Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia, tamén lles achega aos seus usuarios e usuarias a inmensa produción bibliográfica do Padre Feijoo co creación dun micrositio específico, que se pode consultar en http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es.
Tamén participaron na rolda de prensa as subdirectoras xerais de Bibliotecas e de Arquivos, Cristina Rubal e Marina García, respectivamente, xunto con María del Mar García, xefa do servizo do Arquivo de Galicia, quen, ao remate do acto de presentación, realizou unha visita guiada pola mostra.
A programación sobre Feijoo promovida pola Consellería complétase con diversas iniciativas. Nos próximos días, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense inaugurará a exposición ‘O Padre Feijoo, cidadán libre da República Literaria’, que se poderá visitar no Centro Social Afundación da cidade das burgas. A mostra pretende chamar a atención sobre os seus aspectos biográficos e a súa obra a través de pezas singulares que se atopan entre os fondos do museo, xunto con obxectos documentais e artísticos procedentes doutras institucións e particulares.
Mostras bibliográficas nas nodais
As bibliotecas nodais de Galicia, situadas nas principais cidades, e xestionadas pola Secretaría Xeral de Cultura, tamén se sumarán á efeméride con exposicións bibliográficas sobre o Padre Feijoo, que se acompañan, nalgúns casos, con guías de lectura para apoiar os seus contidos.
A mostra da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela poderá visitarse ata o 10 de outubro. Na Coruña, a mostra da Bibiblioteca Miguel González Garcés, que permanecerá aberta ata o vindeiro 30 de setembro, compleméntase cunha proxección audiovisual sobre a produción científica do Padre Feijoo. Tamén ata esa data se poderán visitar as exposicións da Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo e da biblioteca nodal de Lugo, que foi depositaria dos 600 volumes da biblioteca feijoniana ata que en 1941 foron devoltos ao Mosteiro de Samos.
Ademais, no marco da campaña de dinamización da lectura Ler conta moito, promovido por Cultura e Educación, o legado do Padre Feijoo tamén estará presente o 26 de setembro, na biblioteca nodal de Lugo, cun obradoiro para achegarlle á mocidade diferentes disciplinas científicas dun xeito lúdico, educativo e dinámico.
Curtametraxe
A programación tamén inclúe as actividades programadas a través do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, que se sumará a esta homenaxe cunha nova entrega do serial de curtametraxes ‘As viaxes do capitán Gardador’, dedicada á figura do Padre Feijoo e ás distintas homenaxes que se lle fixeron ao longo da historia, co fin de dar conta da súa significación para Ourense. Paralelamente, o arquivo realizará unha exposición cos documentos utilizados neste audiovisual, xunto con reproducións de fondos procedentes doutros arquivos xestionados pola Consellería de Cultura e Educación.