Nova: Unha inversión dun millón de euros en obras de restauración e musealización en seis cubos da muralla
14/05/2018
Unha inversión dun millón de euros en obras de restauración e musealización en seis cubos da muralla
A Xunta inviste 1 millón de euros en obras de restauración e musealización en seis cubos da muralla
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou os traballos rematados e avanzou os proxectos para a posta en valor do túnel e a consolidación do cubo VII
Lugo, 14 de maio de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a desenvolver proxectos en seis puntos da Muralla que suman un investimento de 1 millón de euros, destinados á rehabilitación dos cubos LXXX, LXX, LXXI e XIX, así como á posta en valor do túnel aparecido no cubo VI e á consolidación estrutural do cubo VII. As obras nos tres primeiros están rematadas.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, participou hoxe nunha visita aos citados puntos á que foron invitados representantes das distintas institucións e asociacións de veciños, e na que os técnicos explicaron as actuacións realizadas e avanzaron as que se levarán a cabo para musealizar o túnel e as escaleiras exhumadas no cubo XIX, entre outras.
Precisamente os traballos neste cubo non se dan por rematados porque se modificou o proxecto inicial para incluír a musealización da escaleira en base á singularidade da súa estrutura. Nos vindeiros días colocarase unha varanda de similares características ás situadas a escasos metros -na contorna de Porta Miñá- para impedir o paso o evitar caídas, e continuaranse realizando estudos, entre eles análise por cuarzo para intentar documentar adecuadamente a época de construción.
Os proxectos das catro obras realizadas ou a piques de rematar -explicou Balseiro- alcanzan un investimento de máis de 620.000 euros. A esta cifra, avanzou, haberá que sumar un orzamento próximo ao medio millón de euros previsto para as dúas próximas actuacións.
Próximas intervencións
No cubo VII desenvolverase un proxecto de rehabilitación integral para corrixir as gretas de traza vertical que presenta e evitar as humidades que afectan á estrutura. Polo que respecta ao túnel do cubo VI, a consellería leva investidos 65.000 euros no proxecto e está pendente de que o concello asine o convenio de colaboración proposto para poder licitar as obras, xa que se actuará en terreos municipais.
O túnel foi descuberto durante as escavacións arqueolóxicas levadas a cabo con motivo das obras de restauración do cubo VI; atopouse unha galería que cruza perpendicularmente a muralla e tamén un muro paralelo ao lenzo que formaba parte dunha estrutura edificatoria correspondente a unha piscina dun curtidoiro existente na zona de época medieval.
Este espazo será consolidado e acondicionado para poder ser visto desde o exterior, permitindo o acceso a arqueólogos e investigadores.
O delegado subliñou que a Xunta “leva a cabo un control constante da evolución do estado da Muralla” e apuntou que dende o ano 2009 “achegou a este patrimonio mundial un investimento directo de 4 millóns de euros”.