Nova: Cultura leva a cabo novas actuacións arqueolóxicas no castro de Viladonga
16/05/2018
Cultura leva a cabo novas actuacións arqueolóxicas no castro de Viladonga
As actuación son por un importe de 200.000 euros
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, visitou hoxe este xacemento que é un dos máis senlleiros de Galicia
Castro de Rei (Lugo), 16 de maio de 2018.- A Consellería de Cultura acaba de adxudicar por un importe de preto de 200.000 euros as novas actuacións de mellora do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, un dos xacementos arqueolóxicos máis senlleiros de Galicia. Precisamente na véspera da celebración do Día dos Museos (o venres 18), e do mes dedicado á arqueoloxía dentro do actual ano do Patrimonio, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe este enclave da Idade de Ferro; acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.
Román Rodríguez cualificou o Museo do Castro de Viladonga, de titularidade estatal e xestionado pola Xunta de Galicia, como un dos xacementos arqueolóxicos máis senlleiros e referente “da cultura castrexa no noroeste peninsular”, e explicou que durante este e o vindeiro ano o seu departamento vai levar a cabo novos traballos de escavación, consolidación e acondicionamento dunha serie de estruturas arqueolóxicas sitas no sector nordeste do castro, traballos que acaban de adxudicarse por un importe de preto de 200.000 euros (cofinanciados nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020).
Catalogado con Ben de Interese Cultural coa categoría de Monumento, este xacemento destaca polos seus valores científico e patrimonial, así como polo seu potencial como recurso turístico. De feito o conselleiro destacou a importancia deste centro como “opción de turismo cultural nunha provincia tan rica neste eido como a de Lugo”, como o proban os case 26.000 visitantes recibidos o ano pasado, unha cifra que aumenta ano a ano. Un incremento de visitas que, segundo o conselleiro, ben dado non só pola mellora da sinalización, senón tamén polas intervencións realizadas que melloraron a visión e a comprensión do castro por parte do público.
Precisamente, parte das melloras desta nova intervención prevista para este ano vanse realizar no percorrido para que os visitantes poidan ter unha mellor e máis segura experiencia na visita do castro, para o cal se van escavar cen metros cadrados de nova intervención.
Descrición das obras
O obxecto desta intervención é investigar, documentar, escavar, consolidar e acondicionar unha serie de estruturas arqueolóxicas situadas no sector Nordeste do Castro, que foron exhumadas nos anos 70 e 80 do século XX. Trátase de corrixir a mala situación destas estruturas e garantir a súa conservación mediante a limpeza e consolidación dos muros, dos pavimentos e outras estruturas.
As actuacións abranguen tamén a intervención no paseo superior da muralla principal do castro e a mellora da accesibilidade e a visibilidade do foso e do castro por parte dos visitantes.
Os traballos -que teñen un prazo de execución de oito meses- abranguen unha superficie de 1.250 metros cadrados, dos cales 100 son de nova escavación.
O acondicionamento do paseo superior da muralla do castro inclúe a colocación de chanzos de madeira ben integrados na pendente existente, e dunha varanda acorde co entorno, ademais da regularización e compactación do camiño para aportar unha maior seguridade.
Igualmente, o proxecto contempla o acondicionamento e posta en valor do corte existente no sistema defensivo do castro, de forma que os visitantes poidan visualizar os diferentes compoñentes estruturais da muralla e do foso.
Ademais, executaranse as ramplas necesarias para mellorar a accesibilidade das zonas de actuación dentro do itinerario do castro, e instalaranse nalgúns puntos varandas de madeira para maior seguridade dos visitantes.
Estas intervencións súmanse ás levadas a cabo entre os anos 2016 e 2017, nas que se investiron outros 200.000 euros, para corrixir as deficiencias detectadas no estudo de diagnose elaborado en 2015, que esixían dun proxecto de conservación preventiva.