Nova: O órgano da igrexa de San Salvador de Celanova volve ser protagonista do IX ciclo de concertos didácticos da vila

29/05/2018

O órgano da igrexa de San Salvador de Celanova volve ser protagonista do IX ciclo de concertos didácticos da vila

A Consellería de Cultura e Educación colabora con esta iniciativa, na que levan participado preto de 10.000 estudantes de toda Galicia

O secretario xeral de Cultura comparte con escolares de Moaña, Redondela e Vigo unha das sesións formativas, dirixidas por Marisol Mendive
 

Celanova (Ourense), 29 de maio de 2018.- O órgano da igrexa de San Salvador de Celanova volve ser o eixo en torno ao que xira o ciclo de concertos didácticos desta vila ourensá, que celebra este ano a súa novena edición. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asistiu hoxe a unha nova sesión do ciclo para acompañar o alumnado do IES A Paralaia, de Moaña, do IES Pedro Floriani de Redondela e do IES Carlos Casares de Vigo.

O ciclo desenvólvese desde o pasado mes de marzo e remata a vindeira semana. Nesta edición participan 32 centros educativos de toda Galicia e arredor de 1.300 alumnas e alumnos. Estímase que, ao remate desta edición, levarán participado nesta actividade máis de 10.000 estudantes das catro provincias galegas.

En sesións de 50 minutos, o alumnado dos últimos cursos de primaria, de secundaria ou de bacharelato benefíciase dunha clase-concerto, dirixida por Marisol Mendive, profesora de órgano do Conservatorio de Música de Ourense. A sesión inclúe unha explicación do instrumento axeitada aos contidos pedagóxicos da etapa escolar á que se dirixe, pero a clase é eminentemente práctica e permítelles aos alumnos e alumnas, que previamente preparan na aula varias pezas cos seus profesores, interpretalas conxuntamente co órgano dentro do desenvolvemento do concerto didáctico.

Programacións no patrimonio histórico

O ciclo de concertos didácticos de órgano está organizado polo Concello de Celanova. A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Cultura, colabora con esta iniciativa para contribuír á difusión e á valoración social do patrimonio cultural galego, a través de programacións desenvolvidas en monumentos históricos, ao tempo que se pon en valor entre os máis novos o patrimonio organístico galego, un dos máis descoñecidos pola sociedade.

Co este obxectivo de difundir o patrimonio histórico a través de programacións culturais de calidade en diferentes puntos do territorio, a Secretaría Xeral de Cultura colabora con outras iniciativas, como o Ciclo de música relixiosa de San Martiño de Barcia de Mera ou o Campamento Musical de Agolada, ademais de promover os festivais Espazos Sonoros e Monumenta.
 

Comparte