Nova: Danza 3 despídese con catro actuacións

27/09/2014

Danza 3 despídese con catro actuacións

As agrupacións Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina protagonizan este ciclo, que na súa edición de 2014 ofrece nove actuacións noutras tantas localidades

Baixo o lema ‘Folclore na rúa’, o obxectivo é saír ao encontro dos espectadores e dignificar o baile tradicional en coidadas representacións da música e a danza populares galegas
 

  • Danza 3 Danza 3

Santiago, 27 de setembro de 2014.- O programa de difusión da música e a danza tradicionais ‘Danza 3’, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza xunto ás agrupacións Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela, O Fiadeiro de Vigo e Xacarandaina da Coruña, entra na recta final da súa edición de 2014 con catro novas actuacións nas rúas e prazas de Marín, Cerdedo, Lourenzá e O Barco de Valdeorras.

Os músicos e integrantes dos corpos de baile destas tres agrupacións, que se sitúan entre as de maior prestixio e actividade a prol da cultura tradicional en Galicia, protagonizan este circuíto que, baixo o lema ‘Folclore na rúa’, leva xa realizado desde o pasado 17 de agosto cinco representacións en Celanova, Noia, Xove, Sada e Rianxo.

En concreto, a próxima cita de ‘Danza 3’ terá lugar mañá domingo 28 de setembro, ás 19.30 horas, na alameda Marín, cunha función de Cantigas e Agarimos prevista inicialmente para o pasado día 8 e que tivo que ser aprazada pola choiva.

Outubro
Xa na seguinte semana, a mesma formación compostelá actuará o domingo 5 de outubro, ás 19.00 horas, no claustro do Mosteiro de Lourenzá; en tanto que O Fiadeiro se desprazará ata Cerdedo para ofrecer un espectáculo o sábado 4, ás 20.00 horas, no Centro Sociocultural. Os músicos, bailaríns e cantareiras de O Fiadeiro serán tamén os encargados de pechar esta edición do programa cunha representación no Barco de Valdeorras o sábado 11 de outubro, ás 20.00 horas.

O obxectivo desta programación –para a que se conta ademais coa colaboración dos concellos participantes– é transmitirlle á sociedade a esencia e a riqueza das nosas danzas, así como das músicas que as acompañan e do vestiario co que se poñen en escena. Con esta finalidade, as agrupacións exhiben a pé de rúa unha proposta artística específica para cada espazo, a través da que se busca implicar o público e conseguir un espectáculo único, espontáneo e persoal.

Contribúese, deste xeito, á divulgación dunha parte esencial da cultura de Galicia e do seu patrimonio inmaterial, tarefa na que estas tres formacións veñen traballando intensamente desde a súa fundación. De feito, e unidas como colectivo baixo as siglas XOC, Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos son as impulsoras da proposta para lle solicitar á Unesco a declaración do baile galego como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.
 

Comparte