Nova: Publícase a primeira novela en galego en edición de lectura fácil

08/06/2018

Publícase a primeira novela en galego en edición de lectura fácil

O clásico de Jules Verne 20.000 leguas baixo os mares será o primeiro volume dunha nova colección de literatura adaptada e accesible que impulsan a Editorial Galaxia e a Asociación Juan XXIII

O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá en Redondela na presentación desta obra, escollida para abrir a colección de Lectura Fácil no ano en que se conmemoran os 150 anos da entrada do Nautilus na ría de Vigo

Redondela (Pontevedra), 8 de xuño de 2018.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá en Rande na presentación da primeira novela da colección Lectura Fácil de Galaxia: 20.000 leguas baixo os mares, do escritor francés Jules Verne. A publicación, impulsada pola Asociación Juan XXIII de apoio ás persoas con discapacidade e editada por Galaxia, conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Valentín García explicou que a lectura fácil “permite o acceso a contidos en galego comprensibles para todas as persoas, incluídas aquelas que presentan algún tipo de discapacidade intelectual, que non teñen estudos ou que son inmigrantes con escaso dominio do idioma”. “Este libro é, polo tanto, unha porta máis de entrada á lingua propia de Galicia”, concluíu, “e a lectura fácil, en xeral, unha ferramenta que facilita un dereito fundamental da cidadanía independentemente das súas capacidades: o acceso á información, á cultura e á literatura, que á súa vez garante o exercicio doutros dereitos, como o de participación ou o desenvolvemento autónomo”.

Xunto co secretario xeral, participaron na presentación María Carmen Puga e Diego Chapela, vicepresidenta e coordinador de programas culturais e da adaptación de 20.000 leguas baixo os mares da Asociación Juan XXIII, respectivamente; e Francisco Castro, director de Galaxia.

Lectura fácil

A lectura fácil é unha ferramenta de comprensión lectora e de fomento da lectura para atraer a persoas que non teñen o hábito de ler ou que se viron privadas del. Abarca o contido, as ilustracións e a maquetación co fin de facilitarlle o acceso á información, á cultura e á literatura a persoas con diversidades intelectuais e de aprendizaxe, así como para facer contornos psicoloxicamente comprensibles para todos, eliminando as barreiras para a comprensión, a aprendizaxe e a participación.

150 anos da visita do Nautilus

A nova colección Lectura Fácil de Galaxia ábrese coa novela 20.000 leguas baixo os mares, do escritor francés Jules Verne. A escolla desta obra, así como do redondelán lugar de Rande como marco para a súa presentación, non é casual. Este ano conmemóranse os 150 anos da entrada do submarino onde se desenvolve a trama desta narración, o Nautilus, na ría de Vigo, segundo relata Verne na novela. Ademais, tamén se cumpren 140 anos da primeira visita do escritor francés á cidade e á ría de Vigo.

Asociación Juan XXIII

A Asociación Juan XXIII foi fundada en 1968 e durante case 50 anos ocupouse das necesidades das persoas con discapacidade intelectual, creando servizos para apoiar o seu desenvolvemento persoal e para defender e impulsar os seus dereitos e os das súas familias. Durante a súa traxectoria foi impulsora, xunto con outras entidades, de importantes cambios no pensamento sobre a discapacidade que foron acompañados de novos modos de intervención e que levaron á consideración das persoas nesta situación como cidadáns e cidadás de pleno dereito aos que se deben ofrecer oportunidades de autogobernarse en función dos seus desexos e capacidades. Nesta liña, desde mediados dos anos 90 abordou proxectos de autoxestión, así como de formación das familias. Actualmente, céntrase en reclamar o exercicio efectivo do dereito á cidadanía das persoas con discapacidade, creando servizos e apoios específicos.
 

Comparte