Nova: Galicia axilizará a organización de eventos e concertos

02/07/2018

Galicia axilizará a organización de eventos e concertos

A nova Lei de espectáculos simplificará a autorización de eventos e concertos

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicaron as novidades deste novo texto

A lei, que entra en vigor hoxe, foi elaborada co consenso do sector

A normativa non establece ningún tipo de restrición á música en vivo nin novos requisitos aos establecementos, así como tamén facilita a tramitación das verbenas populares 

  • Galicia axilizará a organización de eventos e concertos Galicia axilizará a organización de eventos e concertos
  • Galicia axilizará a organización de eventos e concertos Galicia axilizará a organización de eventos e concertos
  • Galicia axilizará a organización de eventos e concertos Galicia axilizará a organización de eventos e concertos

Lugo, 2 de xullo de 2018.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicaron hoxe en Lugo as novidades da nova Lei de espectáculos públicos de Galicia, que hoxe mesmo entrou en vigor.

Na súa intervención, explicaron que esta normativa, a primeira de Galicia que regula o sector, ten entre os seus obxectivos axilizar e simplificar a autorización de eventos e concertos, ao tempo que conxuga estas facilidades cunha maior atención á defensa e seguridade dos consumidores.

Precisamente coa intención de facilitar e simplificar a tramitación, a norma incrementa as atribucións que teñen o concellos na materia, tanto á hora de autorizar os eventos que teñan lugar no seu termo municipal, como noutros factores como as ampliacións de horario ou a capacidade de inspección e sanción.

Ata o de agora, as autorización de actividades extraordinarias -eventos que se realizan en establecementos e que non están amparados pola súa licenza- precisaban da autorización da xefatura territorial da Xunta, previo informe de concello. Coa entrada en vigor da Lei, pasarán a depender exclusivamente do concello. Ademais, a Lei tamén faculta aos gobernos locais a regular por ordenanza as actividades de escasa entidade, de xeito que poderán eximilas de calquera trámite administrativo.

Tamén se simplifica a tramitación das verbenas populares, que só precisarán dunha declaración responsable, así como o seguro de responsabilidade civil exixido. 

Deste xeito, a nova Lei non establece ningún tipo de restrición á celebración de eventos, así como tampouco establece novos requisitos aos establecementos máis aló dos que xa figuraban na lexislación e regulación vixente en materia de seguridade, urbanismo ou convivencia.

Precisamente, no ámbito da seguridade e as condicións técnicas que se deben cumprir, a Lei reitera as obrigas que xa existían na lexislación vixente, e que se deben cumprir para garantir a seguridade das persoas que asisten aos eventos. Esta garantía de seguridade é a mesma razón pola que se establece a necesidade de que os establecementos e organizadores conten cun seguro de responsabilidade civil acorde á afluencia de xente prevista.

Neste ámbito inclúese tamén outras das novidades, que é o establecemento de que o control de acceso -naqueles locais que, pola normativa xa vixente agora, así o necesiten- ten que ser exercido por profesional habilitado. 

Ademais, a Lei tamén condena de forma expresa calquera tipo de discriminación no dereito de admisión, dando así cobertura a aqueles clientes que crean que foran inxustamente tratados.

Comparte