Nova: Impulso á creación literaria en galego co Certame de Relato Breve Nélida Piñón
30/09/2014
Impulso á creación literaria en galego co Certame de Relato Breve Nélida Piñón
A Xunta de Galicia, o Concello de Cotobade e a Deputación de Pontevedra organizan de forma conxunta este premio, co que se lle rende homenaxe a unha das figuras de máis relevancia no actual panorama internacional das letras
Cotobade (Pontevedra), 30 de setembro de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, reiterou hoxe o compromiso do departamento que dirixe co impulso da creación literaria en lingua galega a través do seu apoio ao I Certame de Relato Breve Nélida Piñón. O galardón, organizado de forma conxunta pola Consellería, o Concello de Cotobade e a Deputación de Pontevedra, foi presentado esta tarde nun acto no que Vázquez Abad salientou que este premio “nace para que sintamos o medrar de Galicia, a riqueza que posuímos, e o noso devezo por compartir a nosa cultura”. Para elo o titular de Cultura e Educación destacou que “o galardón se leva adiante desde tres institución entregadas ao desenvolvemento de Galicia.”
Ademais do conselleiro no acto tamén estiveron presentes o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o secretario xeral técnico da consellería, Jesús Oitavén; os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; así como o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, e a deputada provincial de Cultura de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez.
O obxectivo do galardón é promover a actividade literaria na nosa lingua propia, particularmente no ámbito da narrativa breve, homenaxeando ao tempo á autora brasileira de raíces galegas, que ingresou o pasado día 27 de setembro como membro de honra na Real Academia Galega. Neste sentido cómpre lembrar, ademais, que a escritora ten as súas raíces familiares en Cotobade, motivo polo que foi nomeada filla adoptiva deste concello no ano 2005.
Bases do certame
Ao certame poderán concorrer as autoras e autores maiores de 18 anos con obras orixinais e inéditas escritas en galego, cunha extensión mínima de 7 folios e máxima de 15. As obras poderanse facer chegar ao Concello de Cotobade tanto por correo postal como por correo electrónico, en ambos os casos xuntando por unha banda a obra co título e o pseudónimo ou lenda escollida polo autor, e por outra os datos persoais do concursante.
O premio estará dotado con 6.000 euros achegados desde a Xunta de Galicia. A propiedade intelectual da obra será do seu autor, se ben o premiado dará o seu consentimento e autorización ao Concello de Cotobade e á Xunta de Galicia da cesión dos dereitos de reprodución, distribución, difusión, exposición e comunicación pública, sen ánimo de lucro, a través dos medios e soportes que as dúas administracións estimen convenientes.
A homenaxeada
O Certame de Relato Breve Nélida Piñón nace baixo o nome desta autora de relevancia internacional, premio príncipe de Asturias no 2005, que foi ademais a primeira muller no mundo que presidiu unha academia da lingua, a Academia Brasileira das Letras, en 1996 e recibiu o premio Príncipe de Asturias no 2005.
Nélida Piñón foi ademais distinguida como doutora honoris causa por diversas universidades -entre elas a USC en 1998- e a súa traxectoria literaria foi recoñecida con importantísimos premios literarios, como o Pen Club, en 1985; ou o Juan Rulfo, considerado como o Nobel hispanoamericano.
Así mesmo, dirixiu institucións como o Laboratorio de Creación Literaria da Universidad Federal de Río de Xaneiro (1970) ou a División Cultural do Departamento de Cultura de Estado de Río de Xaneiro; e foi vicepresidenta do Sindicato de Escritores de Río de Xaneiro.