Nova: As axudas para festivais e certames afeccionados beneficiarán preto de 30 entidades e concellos

02/08/2018

As axudas para festivais e certames afeccionados beneficiarán preto de 30 entidades e concellos

O Ameixa Rock, o Festival de Bandas de Música de Silleda, a Mostra da Cultura Padronesa, o Festival dos Eidos e a Semana de Teatro Cómico de Sarria son algunhas das iniciativas que reciben apoio do Goberno galego

A liña de subvencións está dotada con 50.000 euros

Santiago de Compostela, 2 de agosto 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe a resolución das axudas para a realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado. As entidades beneficiarias da convocatoria de 2018 son un total de 17 organizacións sen fin de lucro e nove concellos das catro provincias galegas.

Segundo a resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, accesible en https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180802/AnuncioG0164-260718-0001_gl.html, a Secretaría Xeral de Cultura apoia a realización de diversas iniciativas promovidas por organizacións sen fin de lucro, como o Ameixa e o Armadiña Rock, o Festival Internacional de Canción Popular IGF Caravan da Agrupación Queixumes dos Pinos, o Revoltallo de Música e Cultura Emerxente da Asociación Xuvenil de Valladares, o Festival de Xóvenes Talentos Sanxenxo da Sociedade Filharmónica Rías Baixas, o Encontro Interdiciplinar de Artes e Cultura de Vangarda Gadélica, o Festival Internacional dos Eidos da Fundación Uxío Novoneyra, o Arteficial, a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional da Asociación de Gaiteiros Galegos, o Festival de Bandas de Música de Silleda ou o Festival Internacional de Danza da Asociación Falcatrueiros.

Das axudas concedidas, que van dos 283 aos 4.330 euros, tamén se benefician diversas iniciativas impulsadas por concellos das catro provincias galegas, como os Encontros de Teatro Escolar e Afeccionado de Bande, o VI Ciclo de Perto 2018 do Barco de Valdeorras, o XXV Festival de Bandas de Música de Galicia de Vila de Cruces, a Mostra da Cultura Padronesa, a I Mostra de Teatro Afeccionado para Persoas con Discapacidade Super-Arte de Viveiro, a XII Mostra de Teatro Xosé Agrelo de Muros, o Naturfest de Rois, a II Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil de Noia e a VIII Semana de Teatro Cómico Vila de Sarria.

Reforzar a oferta cultural en todo o territorio

Esta convocatoria de subvencións que promove a Secretaría Xeral de Cultura, dotada con 50.000 euros, está destinada a organizacións sen ánimo de lucro e concellos ou agrupacións de concellos para os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado. Con esta iniciativa, o Goberno galego contribúe a reforzar a oferta cultural en todo o territorio, a través de programacións diversas e de calidade dirixidas a todos os públicos.

Comparte