Nova: Recitais, música e lecturas dramatizadas para homenaxear a Valle-Inclán
01/10/2014
Recitais, música e lecturas dramatizadas para homenaxear a Valle-Inclán
A Pobra do Caramiñal será o escenario, do 3 ao 31 de outubro, dun completo programa para recordar a obra e a figura do escritor no mes do seu nacemento
A Pobra do Caramiñal, 1 de outubro de 2014.- As Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán celebran este ano a súa décimo sexta edición cun programa de actividades multidisciplinar que se desenvolverá no concello da Pobra do Caramiñal do 3 ao 31 de outubro, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Conferencias, recitais, monólogos, exposicións, lecturas dramatizadas, teatro e espectáculos musicais conforman a programación desta nova edición das xornadas, que foi presentada hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo alcalde do municipio, Isaac Maceiras, e o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González.
Oferta cultural diversa
“A cooperación entre administracións e institucións –afirmou o secretario xeral de Cultura– permítenos promover, un ano máis, iniciativas coma esta, que contribúen á difusión social e á posta en valor das escritoras e dos escritores galegos de referencia e que contribúen, ao mesmo tempo, a ofrecer unha oferta cultural diversa e de calidade dirixida a toda a cidadanía e en toda Galicia”.
No programa deste ano tamén está presente Víctor Said Armesto, con motivo do centenario do seu nacemento. ‘Como veu Said Armesto a obra de Valle-Inclán’ é o título da conferencia que abre as xornadas deste ano e que correrá a cargo do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. Outra conferencia sobre a torre de Valle Bermúdez no Caramiñal, unha lectura dramatizada de ‘La media noche: visión estelar de un momento de guerra’, a exposición ‘Valle-Inclán: retratos, caricaturas e visións’, de Siro López, e o espectáculo ‘Valle-Inclán en Galicia’ son algunhas das propostas que se desenvolverán no marco destas xornadas de homenaxe.
As actividades das xornadas realízanse ao abeiro do protocolo de colaboración asinado en 2013 pola Consellería de Cultura e Educación e os concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa, co fin de cooperar na difusión da obra de Valle-Inclán e de poñer en valor a súa figura.