Nova: A xira de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ chega o domingo a Vilagarcía

02/10/2014

A xira de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ chega o domingo a Vilagarcía

O espectáculo de teatro e música para toda a familia do Centro Dramático Galego estréase mañá en Ourense

Vilagarcía forma parte tamén da campaña escolar desta produción, da que o vindeiro luns se ofrecerá un pase especial para alumnos de toda a comarca

José Caldas dirixe unha nova xeración de intérpretes galegos –Alba Taín, Alberte Cabarcos, Davide González, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde– para achegarlles aos espectadores unha nova ollada sobre a obra de Carlos Casares
 

  • Imaxe do espectáculo Imaxe do espectáculo

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 2 de outubro de 2014.- A xira galega de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’, espectáculo de teatro e música para toda a familia producido polo Centro Dramático Galego (CDG) a partir da obra de Carlos Casares, chega a Vilagarcía o vindeiro domingo día 5 de outubro. O Auditorio Municipal acollerá unha función desta montaxe ás 18.00 horas.

Vilagarcía, que é unha das dez localidades nas que poderá verse esta proposta, sumouse tamén á intensa campaña escolar que a compañía pública está a desenvolver con este espectáculo, de xeito que o luns 6 terá lugar no Auditorio un pase especial ao que asistirán alumnos de centros educativos de toda a comarca.

Inicio de temporada
En ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’, primeira produción do CDG para a temporada 2014-15, o director luso-brasileiro José Caldas –responsable da dirección e versión da obra– e Bernardo Martínez –director musical e compositor– achegan unha nova ollada sobre a obra de Casares e a montaxe que eles mesmos deseñaran en 2004 como primeira incursión da compañía pública no ámbito do teatro para público infantil.

Para a montaxe de 2014, contan cun novo elenco de seis actores e actrices (Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde), que forman parte dunha nova xeración de intérpretes multifacéticos que se está a formar e a abrir paso en Galicia. Todos eles foron seleccionados entre os máis de 80 aspirantes que participaron nun proceso de audicións públicas, durante o que tiñan que demostrar as súas calidades como actores, cantantes e músicos.

Desde o principio, o elenco implicouse, así mesmo, na elaboración do blog aslaranxasmaislaranxasdetodasaslaranxas.wordpress.com, desde o que o público puido seguir día a día o progreso dos ensaios, ademais de ter acceso a todo o material promocional e didáctico arredor desta proposta do CDG.

Novas achegas musicais e interpretativas
Esta recreación, para a que se recupera a escenografía e o vestiario deseñados no seu día pola portuguesa Marta Silva, constrúese a partir de novas achegas musicais e interpretativas que buscan ofrecer novos matices e dotar dunha maior profundidade aos personaxes creados por Carlos Casares. O espectáculo ideado por Caldas –quen conta con máis de 45 anos de traxectoria vinculada á escena brasileira e, fundamentalmente, á portuguesa– reúne nun só acto todas as expresión artísticas, con elementos que van dende a traxedia grega ao teatro popular de rúa de Brasil e Portugal, pasando pola Comedia da Arte e ofrecendo tamén unha homenaxe ao mundo do circo.

Ao tempo, mantense fiel a toda a obra infantil de Casares, de xeito que esta versión teatral de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ integra de xeito harmonioso o conto ‘A galiña azul’, así como outros textos do escritor ourensán que se empregan nas letras das cancións compostas por Bernardo Martínez. Todos estes elementos contribúen a crear o mundo máxico e colorista que habitan Anxa e Elías, xunto á Veciña Sabida, a Veciña Desdentada, o Veciño Gordo e o Veciño da Escopeta, e no que teñen lugar unha serie de disparatados acontecementos que dan comezo cando do limoeiro da horta dos protagonistas abrollan unhas enormes laranxas.

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas está considerada como unha das principais contribucións de Carlos Casares ao ámbito da literatura infantil e xuvenil, galardoada en 1973 co I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural ‘O Facho’. Trátase dunha historia fantástica, que inaugura o teatro destas características na literatura infantil galega. Non en van afirmaba o seu autor que a peza era “un disparate continuo de movemento e fantasía”.

Tres meses de xira
Esta representación en Vilagarcía insírese na xira que o Centro Dramático Galego desenvolverá ata decembro con este espectáculo, que poderá verse tamén en Narón (Pazo da Cultura, 12 de outubro), Pontevedra (Auditorio do Centro Social Afundación, 17 e 18 de outubro), Vigo (Teatro do Centro Cultural Afundación, 2 e 3 de novembro), Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 12 e 13 de novembro), Tui (Teatro Municipal, 18 e 19 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 21 de novembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 3 de decembro), A Estrada (Teatro Principal, 5 de decembro) e Santiago de Compostela (Salón Teatro, do 9 ao 30 de decembro).

Comparte