Nova: A illa de Sálvora e o Quinteiro de Temperán, no Grove, centran a xornada inaugural de Espazos Sonoros 2018

31/08/2018

A illa de Sálvora e o Quinteiro de Temperán, no Grove, centran a xornada inaugural de Espazos Sonoros 2018

O ciclo de músicas en espazos de interese cultural da Consellería de Cultura e Educación comeza esta fin de semana co concerto do grupo Marés

O 2 de setembro, a proposta trasládase ao campamento romano de Ciadella, en Sobrado, onde se poderá gozar do concerto de Sax Antiqua

 

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2018.- A nova edición de Espazos Sonoros, o festival da Consellería de Cultura e Educación de músicas en espazos de interese cultural, dá comezo esta fin de semana cunha visita guiada á illa de Sálvora, que forma parte do arquipélago das Illas Atlánticas, e a visita a unha casa de labranza reconstruída ao xeito do século XIX, o Quinteiro de Temperán, no Grove, na que se evocarán melodías, ritmos e tradicións musicais da península Ibérica co concerto de Marés.

O programa da Secretaría Xeral de Cultura, baixo a dirección artística de Belén Bermejo, chega á súa undécima edición coa visita a un dos enclaves menos coñecidos do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, a illa de Sálvora. O lugar, malia que deshabitado na actualidade, conserva restos do antigo poboado, así como do faro, ademais de especies endémicas que só se poden ver alí. A segunda parte da xornada levará os asistentes ao lugar de Temperán, no Grove. Alí visitarase unha antiga casa labrega do XVIII restaurada como centro de interpretación para o coñecemento da cultura do rural galego.

O patio da casa será o escenario para o concerto do grupo Marés. Fundado pola galega Patricia Cadaveira, saxofón, e o catalán Marcel Pascual, vibráfono, o grupo mestura músicas de influencias moi diversas, flamenco, jazz, fado ou canción de autor, con autores como Falla ou Granados, para ofrecer un programa que afonda as súas raíces musicais en Galicia e Cataluña.

As prazas dispoñibles para esta primeira actividade do ciclo esgotáronse en poucas horas.
 

Sax Antiqua no campamento romano de Ciadella

O domingo 2, Espazos Sonoros trasládase a Sobrado, ao campamento romano de Ciadella para ofrecer unha visita guiada por arqueólogos da Consellería de Cultura e Educación, departamento responsable das escavacións e actuacións arqueolóxicas que se están a levar a cabo neste espazo. Será a partir das 17:00 horas.

Tras a descuberta do enclave militar, ás 19:00 horas, os asistentes terán a ocasión de escoitar o concerto Sonoridades barrocas para conxunto de saxofóns, do grupo Sax Antiqua, dedicado á interpretación de música barroca arranxada para conxunto de cámara de saxofóns, levando un instrumento moderno, asociado ao jazz, ao campo da música antiga para ofrecer un repertorio de autores intemporais como Bach, Corelli ou Purcell envoltos en sonoridades contemporáneas co que chegar a un público máis amplo.

Non é preciso inscrición para as actividades do domingo.
 

Aberto o prazo de inscrición para a xornada do día 15

Mañá sábado, 1 de setembro, comeza o prazo de inscrición para a xornada do día 15, unha oferta literaria e de lecer arredor da figura de Otero Pedrayo que terá lugar na que fora o seu fogar, a Casa Grande de Trasalba, en Amoeiro (Ourense). A actividade contará cun percorrido literario pola contorna, unha visita guiada pola casa familiar e unha charla sobre o xeógrafo Domingo Fontán. O concerto do M. Sancho Quartet, música de cámara para clarinete e cordas, percorrerá obras de distintas épocas para levar o espectador nunha viaxe evocadora polo tempo.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse desde mañá sábado 1 e ata o 12 de setembro no enderezo electrónico actividades@espazossonoros.org. A capacidade máxima desta actividade é de 50 persoas.

A programación completa da undécima edición de Espazos Sonoros pode consultarse en www.espazossonoros.org e en www.cultura.gal.

Difusión do patrimonio cultural galego

A Consellería de Cultura e Educación vén promovendo toda unha serie de actividades que contribúen á difusión e á valoración social do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia. O domingo 2 de setembro remata o ciclo Monumenta, que, baixo a epígrafe Andar con arte, convidou o público a camiñar para vivir e descubrir o patrimonio material e inmaterial galego. Ademais, a Secretaría Xeral de Cultura continúa apoiando diferentes ciclos musicais que dinamizan os espazos históricos de distintas vilas, como son os ciclos de órgano de Celanova ou o de música relixiosa de Barcia de Mera, entre outros.

Comparte