Nova: O CD Viva Galicia! recupera a música galega no tempo da Casa da Troia

04/09/2018

O CD Viva Galicia! recupera a música galega no tempo da Casa da Troia

Cultura contribúe coa recuperación e a difusión da música galega no tempo da Casa da Troia

  • Antigo Tuno. Foto Museo Casa de la Troya/Facebook Antigo Tuno. Foto Museo Casa de la Troya/Facebook

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2018.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou hoxe o interese do disco Viva Galicia! a prol da difusión e da recuperación da música galega no tempo en que Alejandro Pérez Lugín escribiu A Casa da Troia, publicada en 1915. O presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, Benigno Amor, fíxolle hoxe entrega do CD, que acaba de ver a luz co apoio da Consellería de Cultura e Educación, do Concello de Santiago de Compostela e da Deputación da Coruña, baixo a dirección musical e artística de Fernando Reyes e interpretado por Troyanos de Compostela. O grupo formouse en 2013 ao abeiro da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, vencellada directamente ao Museo Casa da Troia, do que se cumpriu este ano o 25 aniversario da súa inauguración.

Investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de corda pulsada que interpretaban, a finais do século XIX e inicios do XX, as tunas na capital de Galicia é o principal obxectivo de Troyanos de Compostela, á vez que se procura a recuperación de destacados compositores galegos da época, como Marcial del Adalid, Chané ou Canuto Berea. Isto reflíctese no repertorio do disco, que toma o seu nome de “Viva Galicia!”, obra do que fora director da Tuna durante gran parte dos inicios do século XX, Pepe Curros. Canda esta peza, temas da música tradicional como “A raíz do toxo verde”, o tema “Lela”, con texto de Castelao, “Negra sombra”, “Fonseca”, “Tuna Compostelá” ou o “Alalá das mariñas” son algunhas das 26 cancións que conforman o primeiro disco de Troyanos de Compostela.
 

Comparte