Nova: Ciclo no CGAI arredor do novo cinema independente español

04/10/2014

Ciclo no CGAI arredor do novo cinema independente español

O crítico Carlos Losilla é o comisario deste programa, que proxectará unha escolma de seis películas en tres sesións dobres os días 7, 8 e 15 de outubro

Esta selección inclúe dous títulos de produción galega, ‘Une historie seule’ e ‘El triste olor de la carne’, así como os últimos filmes de Daniel Castro, Chema García Ibarra, Jordi Morató e José A. Alayón

  • Ciclo 'Un impulso colectivo' Ciclo 'Un impulso colectivo'

A Coruña, 4 de outubro de 2014.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ofrece a partir do vindeiro martes 7 na súa sede da Coruña o ciclo ‘Un impulso colectivo’, a través do que propón un achegamento a seis filmes representativos do novo cine que se esta a producir en España a nivel independente.

O crítico, ensaísta e profesor universitario Carlos Losilla é o comisario deste programa, que se estrutura en tres sesións dobres os días 7, 8 e 15 de outubro e que el mesmo se encargará de presentar aos espectadores do CGAI na primeira destas xornadas.

Producións galegas
Entre os filmes seleccionados atópanse dúas fitas de produción galega: ‘Une histoire de seule’ (martes 7, ás 20.30 horas), na que os realizadores Xurxo Chirro e Aguinaldo Frutuoso se achegan á figura de Jean-Luc Godard a través dunha ‘viaxe inmóbil’, e ‘El triste olor de la carne’ (mércores 15, 20.30 horas), filme en plano secuencia rodado en Vigo con dirección de Cristóbal Arteaga e con Alfredo Rodríguez no papel protagonista.

O ciclo inclúe, así mesmo, ‘Ilusión’ (martes 7, ás 18.00 horas), unha comedia de Daniel Castro sobre o propio mundo do cine; ‘Uranes’ (mércores 8, ás 18.00 horas), a destacada ópera prima de Chema García Ibarra; ‘Sobre la marxa’ (mércores 8, ás 20.30 horas), filme de Jordi Morató a medio camiño entre o documental, o ‘found footage’ e a biografía; e ‘Slimane’ (mércores 15, ás 18.30 horas), na que José A. Alayón humaniza a temática da inmigración.

A través desta escolma, ‘Un impulso colectivo’ aborda pois diferentes xéneros e estilos, que –segundo a organización– comparten como obxectivo a procura de “espectadores capaces de dialogar e de debater, non cómplices nin reféns”. As seis fitas escollidas reflicten, ademais, un novo cine libre e heterodoxo que, pese a non contar con distribución nas salas comerciais, si está a ser programado nos circuítos de exhibición cultural. Así, encádranse nesta mesma liña outras das fitas proxectadas recentemente na Filmoteca de Galicia, como ‘VidaExtra’, ‘Edificio España’, ‘Árboles’ ou ‘El futuro’.
 

Comparte