Nova: O conselleiro de Cultura destaca o ritmo satisfactorio no avance das obras da catedral de Santiago

11/09/2018

O conselleiro de Cultura destaca o ritmo satisfactorio no avance das obras da catedral de Santiago

O titular de Cultura chamou a atención sobre a necesidade de informar puntualmente como exercicio de transparencia e explicou que, en breve, se acometerá unha obra de peche provisional do Pórtico da Gloria para protexelo do resto de actuacións que se abordarán no interior do templo

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, explicaron hoxe en rolda de prensa os últimos avances das intervencións realizadas na catedral de Santiago e a necesidade de acometer un peche provisional do espazo onde se atopa o Pórtico da Gloria pola execución das obras de restauración dos paramentos interiores e das bóvedas.

Rodríguez lembrou que, ao abeiro do convenio entre o Ministerio de Hacienda, a Consellería de Cultura e Educación, o Cabido do Conxunto Catedralicio e a Fundación Catedral estase a traballar cun investimento de 17 millóns de euros para chegar ao 1 de xaneiro de 2021 nas mellores condicións para celebrar vindeiro Xacobeo. E destacou que “coas obras que está previsto licitar no 3º trimestre deste ano, estarán contratadas actuacións por máis de 11.700.000 euros, o que comportará un 70% de execución prevista” o que supón, en palabras de Román Rodríguez, “que se avanza a un ritmo razoablemente satisfactorio”.

En concreto, no terceiro trimestre de 2018 está previsto licitar a restauración dos paramentos verticais da xirola e dos paramentos interiores e bóvedas da nave central, transepto, naves laterais e triforio; a actuación nas cubertas do templo, que inclúen a nave principal e o cruceiro; a restauración da fachada sur e oriental do claustro, da torre do tesouro e das cubertas da devandita ala oriental do claustro; e, finalmente, a restauración das cubertas da ala norte do espazo claustral.

Ao respecto das obras de rehabilitación da catedral, o titular de Cultura explicou que desde o principio, a Fundación Catedral e a Xunta de Galicia pensamos que era necesario informar e explicar os pasos que se ían dando durante esta posta a punto da basílica compostelá. “Entendemos —en palabras de Rodríguez— que este era un camiño que debíamos compartir coa cidadanía galega". E afirmou que, desde o punto de vista da xestión do Patrimonio, a Fundación Catedral de Santiago é, en moitos aspectos, un referente tanto no ámbito nacional como internacional.

Román Rodríguez lembrou a importancia da conciencia cívica no uso e desfrute do patrimonio. Neste sentido, concluíu afirmando que “respectando e coidando o patrimonio, respectámonos e coidámonos a nós mesmos".

Comparte