Nova: As obras de restauración da palestra das termas de Lugo e do castro de Formigueiros empezarán a próxima semana

15/09/2018

As obras de restauración da palestra das termas de Lugo e do castro de Formigueiros empezarán a próxima semana

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que o Goberno galego inviste máis de 32.000 euros nestes proxectos

  • Termas de Lugo Termas de Lugo

Lugo, 15 de agosto de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dará comezo a vindeira semana ás obras de restauración da palestra das termas romanas de Lugo e de escavación e consolidación no castro de Formigueiros, en Samos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que ambos proxectos suman un investimento de 32.200 euros e engadiu que este mesmo luns comezarán os traballos na palestra, que forma parte do amplo conxunto das termas romanas de Lugo.

Esta zona —situada debaixo da cafetería do balneario actual— foi escavada no ano 1999 e os traballos que agora se acometen consisten na limpeza e consolidación dos pavimentos conservados, restitución en zonas onde faltan pavimento ou pezas de cantería, e recrecemento e consolidación dos muros, entre outros, co obxecto de facer máis comprensible para os visitantes este espazo tan característico dos complexos termais clásicos.

Pola súa banda, os traballos no castro de Formigueiros comezarán previsiblemente o mércores día 19 e consistirán, entre outros, na desmontaxe do muro dunha construción tardía, tardorromana ou medieval, superposta a unha vivenda castrexa; completar a escavación dunha casa na que xa se intervira de forma parcial, e restaurar e consolidar outras dúas casas máis.

Este castro, situado na serra do Édramo, é un importante asentamento castrexo caracterizado por unha impoñente muralla pétrea, con torreóns, e un complexo sistema defensivo formado por foxos e parapetos. Ten unha interesante arquitectura doméstica, con casas formadas por unha ou dúas habitacións, con tellados de lousa. Nel apareceron gravados de peixes e cabalos nas lousas do pavimento dunha praciña, e de labirintos en diferentes contextos. Está documentada a ocupación dende o século III a. C. a mediados do século I da nosa era.

Nas actuacións de posta en valor do castro promovidas pola Consellería de Cultura colaboraron a Consellería de Política Social, coa organización de campos de traballo no que participaron mozos de diferentes países, e a Consellería de Medio Rural, que levou a cabo rozas de matogueira no xacemento e a mellora dos accesos.

Comparte