Nova: A rehabilitación da palestra das Termas Romanas de Lugo fai máis comprensible a estrutura e a relevancia orixinal deste espazo

03/10/2018

A rehabilitación da palestra das Termas Romanas de Lugo fai máis comprensible a estrutura e a relevancia orixinal deste espazo

A Xunta rehabilita a palestra das Termas Romanas de Lugo para facer máis comprensible a estrutura e a relevancia orixinal deste espazo

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, comprobaron o resultado dos traballos, nos que se investiron preto de 18.000 euros

Lugo, 2 de outubro de 2018. A Consellería de Cultura e Turismo vén de executar obras de restauro e consolidación das estruturas arqueolóxicas da palestra das Termas de Lugo, nas que investiu preto de 18.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado polo director do Balneario de Lugo, Antonio Garaloces, entre outros, comprobou hoxe o resultado dos traballos, orientados a facer máis comprensible para os visitantes este espazo tan característico dos complexos termais clásicos.

A palestra era un espazo aberto concibido para practicar exercicio físico; no caso do Balneario lucense, está situada na zona da actual cafetería. Foi escavada no ano 1999 e, debido ao tempo transcorrido, decidiuse unha nova intervención de limpeza, consolidación e restauración dos elementos que a configuran.

Entre outras actuacións, repuxéronse as faltas do pavimento de opus signinum provocadas por canalizacións modernas, seguindo a técnica orixinal e nun material de cor similar pero diferenciado, nunha área duns 8 metros cadrados. Na zona da palestra exterior procedeuse ao recrecemento con áridos ata as cotas de pavimentos orixinais, nunha área de 50 metros cadrados. Cara ao oeste da entrada, onde os pavimentos orixinais están moi alterados ou desaparecidos, restituíronse con áridos ata as cotas orixinais, nunha extensión de 35 metros cadrados.

Ademais, a intervención serviu para conseguir documentación fotogramétrica da zona arqueolóxica afectada, integrable na documentación planimétrica do Balneario de Lugo, e ortofotos xeorreferenciadas coa zona antes e despois dos traballos.

Os responsables autonómicos destacaron o valioso patrimonio cultural que supoñen as termas para Lugo e puxeron de manifesto a vontade da Xunta de colaborar na súa preservación, ao tempo que gabaron o labor que neste sentido está a realizar a dirección do centro.

Comparte